Junts Per Cat acusa a Sánchez de participar nunha operación de Estado para protexer a Xoán Carlos I
Junts Per Cat acusa o presidente do Goberno de participar nunha operación de Estado para protexer a Xoán Carlos I da xustiza suíza. Por iso piden a súa renuncia.
Elsa Artadi, Junts Per Catalunya: "Se non sabe onde está despois de negociar todo isto, Pedro Sánchez tería que dimitir. E se sabe onde está e nos está enganando, tería que dimitir".
Os socios de goberno de Pedro Sánchez endurecen a súa postura e pedirán a comparecencia no Congreso de Carmen Calvo e do propio Filipe VI. Unidas Podemos crítica o presidente por ocultarlles información.
Jaume Asens, presidente do grupo de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común no Congreso: "O presidente do Goberno, nesta ocasión, non actuou como presidente dun Goberno de coalición, actuou como presidente dun Goberno dun só partido, como presidente do PSOE. Evidentemente, houbo un acto de deslealdade".
Pero a voceira do executivo di que non tiveron parte na decisión e que non o contaron por ser froito dunha conversa privada de Sánchez co rei.
María Jesús Montero: "A Casa Real adoptou a decisión que estimou conveniente e transmitiulla ao presidente do Goberno nos despachos privados".
Nunha carta aos militantes socialistas, Pedro Sánchez insiste en desligar os comportamentos particulares do anterior xefe de Estado da monarquía como institución e pídelles aos seus que non deixen a súa defensa só en mans da dereita.