CRTVG

Buscar

Junqueras nega que o proceso independentista se pagase con cartos públicos

Publicado o 16/04/2018 20:37

Oriol Junqueras nega diante do xuíz Llarena que o proceso independentista se pagase con cartos públicos. O ex-vicepresidente da Generalitat compareceu no Supremo para coñecer o seu auto de procesamento, igual que Jordi Sánchez e Jordi Cuixart. Os tres negaron os delitos que se lles imputan, e denunciaron que cren ser vítimas dun xuízo político.

Trasladado nun furgón policial ata o Supremo, Oriol Junqueras escoitou primeiro o auto de procesamento e despois pediu declarar diante do xuíz Llarena para defender a súa postura. Negou o delito de rebelión que se lle imputa, porque sostén que as protestas en Cataluña foron sempre pacíficas. E rexeitou tamén o de malversación asegurando que non se destinou nin un euro público para pagar o 'procés'. 

"Dixo claramente que perseguir a independencia de Cataluña non é un delito, como tampouco o é facer un referendo", di o seu avogado.

O xuíz Llarena escoitou despois a Jordi Sánchez e a Jordi Cuixart, procesados tamén por rebelión, pero non por malversación. Tanto un coma outro negaron a violencia. Jordi Sánchez acusou o xuíz de falta de obxectividade, e de querer ser xuíz e vítima ao mesmo tempo. E protestoulle por non deixalo someterse á investidura.

"Manifestoulle claramente que non era correcta a interpretación do xuíz, e díxolle que non respectara as medidas cautelares impostas por Nacións Unidas", asegura Jordi Pina, avogado de Sánchez.

Os tres cuestionaron a causa aberta contra os líderes do 'procés', que consideran unha causa xeral contra o independentismo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2018