CRTVG

Buscar

Os presos do 'procés' volven á cadea tras quedar revogado o terceiro grao

Publicado o 09/03/2021 21:25

A xustiza encerrou de novo en segundo grao no cárcere de Lledoners o exvicepresidente do Govern Oriol Junqueras, os exconsellers Jordi Turull, Raül Romeva e Josep Rull, aínda que este último, hospitalizado, non volveu á prisión, e os Jordis, nunha decisión que indignou de novo o independentismo.

Seis dos presos do procés —Junqueras, Jordi Sànchez, Jordi Turull, Joaquim Forn, Raül Romeva e Jordi Cuixart— volveron este martes pola noite ao cárcere de Lledoners tras a revogación do terceiro grao, entre apelacións á "unidade" e a "non renderse".

Apenas horas despois de que o Parlamento Europeo aprobase levantar a inmunidade aos eurodeputados de JxCat Carles Puigdemont, Antoni Comín e Clara Ponsatí, que permitirá ao Supremo reactivar as euroordes, a xustiza asestou outro revés ao soberanismo ao estimar o recurso da Fiscalía que pedía revogar aos presos do procés o terceiro grao que a Generalitat lles outorgou en vésperas da campaña do 14F.

Os líderes independentistas internos no cárcere de Lledoners, que ata o de agora acudían á prisión só a durmir de luns a xoves, volven ás súas celas xa en segundo grao penal, co que unicamente poderán gozar de 36 días de permiso ao ano e —se se lles conceden— de saídas entre semana para traballar ou facer voluntariado en virtude do artigo 100.2.

No seu auto, o xuíz de vixilancia número 5 de Cataluña, que exerce de suplente, desmárcase da decisión do titular do xulgado, que en xullo do ano pasado avalou o terceiro grao que a Generalitat concedeu aos presos de Lledoners pero suspendeuno á espera de que se pronunciase o Supremo, que acabou por revogalo o pasado mes de decembro.

O maxistrado, que na súa resolución se remite aos argumentos que esgrimiu o Supremo para tombar o réxime aberto, considera que é "prematuro" e "precipitado" conceder a semiliberdade aos presos do procés sen que transcorrese "tempo suficiente para que o tratamento penal produza os seus efectos" e advirte de que os reclusos asumen os feitos que cometeron, pero non que fosen delituosos.

Decenas de persoas concentráronse ás portas do cárcere para protestar pola decisión do xulgado de vixilancia penal de revogar o terceiro grao que a Generalitat concedeu a Junqueras, Turull, Rull, Romeva e Forn e "os Jordis". Todos eles reingresaron sobre as 21:00 horas deste martes, salvo Josep Rull, que tiña unha "operación programada" e que, segundo fontes de JxCat, debe permanecer hospitalizado uns días.

O acto xunto ao cárcere de Lledoners foi organizado por Òmnium Cultural, que instalou un escenario cunha lona na que se lía "Amnistía. Fagámonos libres", entre berros de "unidade", "independencia" e "non estades sós" por parte dos concentrados. Na súa breve intervención, Junqueras denunciou a actitude do Estado: "Se nos encerran é porque non nos poden gañar nas urnas, téñennos medo porque cada día somos máis fortes". "Non nos renderemos, non nos cansaremos, non abandonaremos nunca", proclamou Junqueras, que chamou a "facer realidade unha Cataluña independente".

Máis aló da mobilización convocada por Òmnium ás portas do cárcere de Lledoners, a ANC impulsou mobilizacións en diferentes puntos de Cataluña, entre eles a avenida Meridiana de Barcelona, onde se concentraron decenas de persoas. Ao coñecerse a decisión de revogar o terceiro grao penal, a portavoz do Govern, Meritxell Budó, acusou o Executivo de Pedro Sánchez de "falar de diálogo e negociación" para resolver o conflito catalán e, á vez, practicar a "vinganza" contra os líderes do procés, como o demostran, ao seu parecer, tanto a revogación do terceiro grao como a votación do Parlamento Europeo para levantar a inmunidade a Puigdemont.

"Non é xustiza, é vinganza", recalcou Budó, que cuestionou a utilidade da mesa de diálogo sobre Cataluña que pactaron ERC e o PSOE e que, lembrou, "hai máis dun ano que non se reúne". O vicepresidente do Govern en funcións, Pere Aragonès, dixo que "é unha medida que afasta a solución política" e evidencia que cando os problemas políticos "se deixan en mans do Código Penal" non fan máis que " enquistarse" e "afastar a solución".

Pola súa banda, o portavoz de ERC no Congreso Gabriel Rufián advertiu ao Goberno de Pedro Sánchez de que o seu grupo é imprescindible "para a gobernabilidade ou non deste país" e que empeza a cansar de que non faga nada en favor do diálogo en Cataluña.

Noticias web

09/03/2021