CRTVG

Buscar

Junqueras di que os indultos poden "aliviar o conflito" e cuestiona a vía unilateral

Publicado o 07/06/2021 13:22
Junqueras di que os indultos poden "aliviar o conflito" e cuestiona a vía unilateral

O líder de ERC, Oriol Junqueras, admitiu este luns que os indultos poden "aliviar o conflito, paliar a dor da represión e o sufrimento da sociedade catalá", e volveu reiterar que a unilateralidade non é viable nin desexable, tal e como afirmara en setembro de 2018.  

Nunha carta publicada na diario Ara e na canle de televisión La Sexta, defendeu a amnistía como mellor solución, pero "calquera xesto na liña da desxudicialización do conflito axuda a poder percorrer este camiño". 

Estas afirmacións prodúcense en plena polémica sobre os posibles indultos aos presos do procés e cando falta pouco para que o Executivo anuncie a súa decisión, que será, segundo o ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, antes do verán.  

Junqueras tamén reiterou que a mellor vía para a independencia é a escocesa, e lograr un referendo pactado. Na súa opinión, é a que xera máis recoñecemento internacional, a diferenza da unilateral: "Sabemos que outras vías non son viables nin desexables na medida que, de feito, nos afastan do obxectivo que hai que alcanzar".  

O dirixente de ERC, encarcerado polo referendo ilegal do 1-O, xa defendera esta tese en setembro de 2018, dende a prisión de Lledoners. Daquela, non vía "atallos" para lograr a independencia de Cataluña sen que existise un referendo legal acordado co Goberno.

Naquel momento tamén valoraba de xeito positivo a actitude dialogante de Pedro Sánchez como un "indicador dun cambio de vontade".

"Movemento importante"

O Executivo central considera que se produciu un "movemento importante" coa carta do líder de ERC, segundo fontes gobernamentais.

A misiva chega dúas semanas despois de que o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dera un xiro á súa estratexia con Cataluña e abrira a porta á concesión dos indultos aos políticos cataláns independentistas condenados por organizar o referendo ilegal do 1 de outubro de 2017.  

O Executivo leva semanas facendo pedagoxía sobre a necesidade de apostar pola "concordia", a "convivencia" e o "diálogo" para resolver ese conflito, fronte á "vinganza" e o “desquite". Mentres, o Ministerio de Xustiza termina de preparar os expedientes que prevé elevar ao Consello de Ministros nas vindeirass semanas. 

Con esta estratexia, o Goberno agardaba un xesto do independentismo que demostrase a boa acollida dos indultos para reconstruír as "pontes" de diálogo dinamitadas no 2017. Así, podería xustificar a posible adopción dunha polémica medida que xerou un forte rexeitamento na oposición pero tamén nalgúns sectores do PSOE. O xesto chegou este luns en forma de carta escrita.

 

Noticias web

07/06/2021