CRTVG

Buscar

Oriol Junqueras: "A nosa vontade de diálogo non rompeu por estar no cárcere"

Publicado o 28/01/2020 10:37

O ex-vicepresidente do Govern e líder de ERC, Oriol Junqueras, afirmou este martes, na súa fugaz volta ao Parlament para comparecer en comisión, que nunca renunciou "á vontade de diálogo", unha vontade que "non rompeu" polo feito de que haxa nove líderes independentistas no cárcere.

Ás 9 da mañá, acompañado polo presidente do Parlament, Roger Torrent, o vicepresidente do  Govern, Pere Aragonès, e o deputado de JxCat e presidente da comisión de investigación sobre a aplicación do artigo 155 da Constitución, Antoni Morral, entre outras autoridades, Junqueras entrou na sala 1 da cámara catalá, que pisaba por primeira vez desde o convulso outubro de 2017, que derivou no seu encarceramento preventivo.

Condenado polo Tribunal Supremo a 13 anos de prisión polo seu papel no 'procés', Junqueras mostrouse disposto a establecer "mesas de negociación a eito, tantas como faga falta", mesmo con quen "aplaudiu de maneira máis entusiasta" as condenas de cárcere para os líderes do 1-O.

Na súa comparecencia reivindicouse: "Máis independentistas ca nós non hai ninguén. Somos os campións da causa da república e do diálogo", asegurou.

Así mesmo, denunciou a acción das "cloacas do Estado" á hora de fabricar "probas falsas" para inculpar líderes do movemento independentista, e advertiu de que algúns dos que agora aplauden esta "represión" poden acabar sendo vítimas destes mesmos procedementos.

Junqueras, convidado á comisión de investigación do Parlament sobre a aplicación do 155, iniciou a súa intervención con palabras de recordo cara a líderes do independentismo "no exilio", como Marta Rovira ou Carles Puigdemont, e en prisión, como a ex-presidenta do Parlament Carme Forcadell.

"Estou moi contento, estou feliz de estar aquí en sede parlamentaria. Son feliz case sempre", afirmou.

"Volveremos exercer un referendo de autodeterminación"

O ex-vicepresidente do Govern e líder de ERC, Oriol Junqueras, asegurou este martes que celebrar un referendo de autodeterminación é "unha cousa normal" no mundo e deu por feito que en Cataluña haberá outra convocatoria como a do 1 de outubro de 2017: "Volveremos exercer", garantiu.

Na súa comparecencia Junqueras destacou que "ao longo do século XX houbo 106 referendos de autodeterminación no mundo", 54 dos cales "se celebraron a partir do 1991", e 26 deles fixéronse "sen o consentimento do Estado matriz".

Por iso, sinalou que celebrar "un referendo de autodeterminación é unha cousa normal" e recalcou: "Nós queremos volver exercelo, e volverémolo a exercer".

Iso si, recoñeceu que, para levar a cabo outro referendo, o independentismo necesita "acumular forzas, ser máis, sen dúbida".

Junqueras tachou de "inxustas" as condenas de cárcere ditadas polo Tribunal Supremo aos líderes do 'procés'.

O ex-vicepresidente do Govern asegurou que a "represión" non deu resultado porque non fixo "desistir" ao independentismo, e engadiu: "O cárcere é unha parte máis do camiño cara á liberdade".

"Non temos medo, non o tivemos nunca, e menos agora", recalcou  Junqueras, para quen "nada" do que fixo o Govern do 1-O era "delito": nin "celebrar un referendo", nin "defender a independencia de Cataluña". 

Ciudadanos abandona a comisión tras reprochar a Junqueras que non pida perdón

O grupo parlamentario de Ciudadanos abandonou a comisión do 155, despois de que a súa portavoz, Lorena Roldán, lle reprochara ao ex-vicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras, condenado por sedición e malversación, que non pedise perdón.

Na súa réplica a Junqueras, Roldán preguntou ao líder de ERC "como pode soster a mirada" a todos os cataláns que agardan axudas sociais pero non as recibiron aínda porque "o 'procés' malgastou o seu diñeiro".

"Pode soster a mirada aos cataláns que teñen aprobada a axuda á dependencia pero non a cobran?, aos nenos en exclusión social?", díxolle.

"Tiña hoxe a oportunidade de pedir perdón, de comprometerse a devolver o diñeiro", engadiu.
Roldán díxolle a Junqueras que "non é un mártir" e lamentou que comparecese para "reafirmarse en todos os delitos".