CRTVG

Buscar

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Solicitamos a colaboración da cidadanía e facemos un chamamento á responsabilidade"

Publicado o 07/10/2020 09:41

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu este venres para informar dos asuntos tratatados na reunión do comité clínico de Sanidade. Na actualización dos datos da comunidade, Comesaña falou dunha situación xeral "estable" e con "tendencia á baixa" en Galicia. Con todo, subliñou que esta situación "non é homoxénea".

Segundo os últimos datos que avanzou Sanidade, no concello de Ourense detectáronse 138 novos casos nos últimos tres días, 439 nos últimos 14. Ademais, o concello presenta unha taxa acumulada de 254,7 nos últimos 7 días e de 417,2 nos últimos 14. Unha taxa que está catro ou cinco veces por riba das cifras de Galicia, segundo se avanzou na comparecencia.

Así mesmo, na comarca rexistráronse 164 novos casos nos últimos días, cunha incidencia acumulada de 219 (7 días). Por outra banda, a porcentaxe de PCR positivas sitúase no 11%

En Barbadás sumaron 15 novos casos nos últimos tres días cunha incidencia acumulada de 280 (7 días). E no Barco os novos casos ascenden a 28 nos últimos tres días, mentres que en Verín son 16 máis, tamén nos últimos tres días.

O xerente do Sergas, José Flores Arias, deu conta da situación asistencial nesta área e informou de 50 persoas ingresadas no CHUO, 90 en Verín e 4 no Barco de Valdeorras. "A capacidade está garantida", afirmou Flores Arias.

O conselleiro de Sanidade incidiu en que as decisións se tomaron co obxectivo de conter con anticipación a evolución dos contaxios. Así mesmo, dende Sanidade tamén lanzaron unha recomendación á poboación: non saír das zonas. E subliñaron que non se trata dun confinamento, que poden moverse, pero non saír. 

"O comité nin xulga nin castiga. Somos profesionais sanitarios", dixo o doutor Tato Vázquez. As recomendacións, di, fanse en base á evidencia científica. "Dan resultado porque está probado", conclúe.