CRTVG

Buscar

Juan Soler, internista da planta covid-19 do CHUO: "O que vivimos é desalentador"

Publicado o 24/01/2021 14:13

Para coñecer de primeira man a situación que están a vivir nos hospitais galegos, acompañamos o equipo de garda da planta de covid−19 do CHUO e o doutor Juan González Soler. Este internista contou como están a combater desde a primeira liña esta terceira vaga. Di que o que están a vivir é "desalentador". El e o seu equipo están vendo que nesta terceira vaga os pacientes que ingresan xa non son de idades tan avanzadas e que mesmo chegan familias enteiras infectadas.

Juan José González Soler, internista da planta de covid−19 do CHUO: "Acabo de saír da garda, entramos onte ás tres da tarde e saímos hoxe ás nove da mañá, e a verdade é que é desalentador, volvemos estar cunha ocupación tremenda, ingresan diariamente entre dez e 12 pacientes nas unidades convencionais de hospitalización, derivamos moitos deles ás UCI, son pacientes bastante graves e non son excesivamente anciáns. Ingresamos hoxe o de menor idade con 36 ou 37 anos".

Pola noite derivaron á UCI dous pacientes graves de 60 e poucos anos.

Juan José González Soler, internista da planta de covid do CHUO: "Sabemos que a probabilidade de contaxiarse na comunidade nestas dúas últimas semanas de xaneiro e no mes de febreiro vai ser moito maior que en todo o resto da pandemia moi probablemente".

Á cidadanía pídelle intelixencia e solidariedade... Recomenda manterse nas vindeiras semanas nun contorno seguro.

Juan José González Soler, internista da planta de covid−19 do CHUO: "Temos que facer autoconfinamentos, diferentes a marzo; podemos saír a dar un paseo só cos conviventes. Pode que este sexa o último empuxón deste virus se as mutacións o permiten, polo que temos que ser extremadamente intelixentes e non contaxiarnos agora".

Noticias web

24/01/2021