CRTVG

Buscar

Juan José Martín: "Estamos ofrecendo un acordo salarial xeneroso e realista"

Publicado o 05/02/2018 10:07

No tempo da entrevista falamos da situación da xustiza en Galicia con Juan José Martín, director de Xustiza. 

Sobre a folga e a suba salarial

"Sempre hai marxe para a negociación. Nós estamos dispostos a seguir co diálogo". "Agora os sindicatos están a pedir unhas cantidades salariais que non poden ser asumidas dende a Administración". "O abano que están a pedir é de 270 euros ao mes por funcionario, algo que vén representar ata un 12% do seu salario". "Estamos ofrecendo un acordo salarial xeneroso e realista, que é bo para a cidadanía e para eles".

"Cando digo que é legalmente imposible poñer esa suba en marcha é porque é a Lei de orzamentos xerais do Estado a que determina a porcentaxe de marxe salarial en que nos podemos mover". 

Servizos mínimos

"Calquera folga é un prexuízo para os dereitos dos cidadáns. O que intentamos facer a través dun decreto de servizos mínimos é que se cumpran aquelas cuestións que son urxentes e inaprazables, que poidan causar perda de dereitos aos cidadáns". "Evidentemente as cuestións que non son urxentes van quedar aprazadas". 

Equiparación salarial con outras comunidades

"O complemento autonómico fíxao a comunidade autónoma. Pero, en calquera caso, a discriminación é positiva, porque sen ningunha oferta a día de hoxe xa están a cobrar máis ca os dos territorios que seguen a ser xestionados polo Ministerio". 

Novos xulgados

"Son catro os novos xulgados. Supoñen unha inversión importante por parte da Xunta. Hai unha creación de 31 prazas de funcionarios". "Son un xulgado social na Coruña, un xulgado de instancia en Ferrol e outro en Ourense, e tamén outro de primeira instancia especializado en dereito de familia en Vigo". 

Violencia de xénero

"A Xunta ofreceu un reforzo de persoal naqueles xulgados que poidan ter unha plantilla que non sexa axustado. Tamén diferentes cantidades que van ata os 1.200 euros ao ano para os xulgados exclusivos de Vigo e Coruña". "Tamén imos crear sete psicólogos para a atención á vítima". "Tamén se van ampliar os dereitos de conciliación para os funcionarios de xustiza". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/02/2018