CRTVG

Buscar

Juan Guaidó ofrece amnistía aos que colaboren coa transición

Publicado o 28/01/2019 21:43

Promesa de Juan Guaidó a todos os funcionarios, civís e militares, aínda que especialmente a estes últimos, unha amnistía se desobedecen as ordes do goberno de Nicolás Maduro. E rápida resposta do ministro de Defensa do mandatario venezolano: a amnistía é un instrumento de manipulación.

Ademais Maduro está realizando exercicios militares xunto ao pobo, para prepararse ante un posible conflito armado en que chama a defender a patria.

Segundo os datos facilitados polas ONG Provea, Foro Penal e o Observatorio do Conflito, polo menos 35 persoas morreron no marco das marchas opositoras, e hai ademais 850 feridos, entre eles 77 menores de idade.

Guaidó pediu a varios bancos mundiais a protección dos activos que o país teña depositados nestas institucións, para evitar que o Goberno de Maduro, faga uso deses recursos económicos. E os Estados Unidos traspasaron o control de varias contas do Estado venezolano baixo xurisdición de Washington ao que considera líder lexítimo.

A Unión Europea cualificou de insostible a situación de Venezuela, e reclamou unha vez máis ao Goberno de Nicolás Maduro, que convoque novas eleccións libres en liña cos estándares internacionais. Do contrario, recoñecerán a Juan Guaidó como líder lexítimo do país. Os ministros de exteriores da UE debaterán a cuestión de Venezuela este mesmo xoves.

En España, a situación en Venezuela segue no centro do debate político. A oposición critica a postura do Goberno desde todas as frontes. PP e Ciudadanos porque aínda non recoñece a Guaidó , e Podemos cuestiona o ultimato a Maduro. Desde o PSOE insisten que manteñen a mesma posición que a Unión Europea.
 

Noticias web

28/01/2019