Juan Gestal: "A quinta vaga comezará a superarse a semana próxima"
"Pensabamos ter un verán tranquilo, pero o macrogromo de Mallorca veulle dar a volta a todo", explica Juan Gestal, experto en epidemioloxía, que prevé un verán para soster o esforzo de conter o virus. Co horizonte de empezar a mellorar axiña: "As medidas que tomaron as autoridades sanitarias deixarán resultados a finais da semana que vén", afirma.
Pero a situación de normalidade terá que esperar a preto do outono, a menos que a chegada de máis vacinas permitisen inmunizar antes os grupos de persoas menores de 30, onde agora se rexistran as maiores incidencias. O volume da quinta onda está a cambiar os cálculos que se fixeran para a inmunidade de rabaño.
"Tendo en conta os novos parámetros estariamos falando dun 86 % de vacinados". Son cálculos da Escola de Saúde Pública de Harvard, que ten en conta a variante delta e a maior porcentaxe de asintomáticos entre a xente nova.
A contrapartida é que neles a enfermidade é menos grave e as cifras da presión hospitalaria son mellores ca as das vagas anteriores.
"É unha situación que non nos preocupa desde o punto de vista asistencial, pero si pola situación epidemiolóxica", explica José Flores, o xerente do Sergas.
Hoxe son xa 236 pacientes en planta e 30 en UCI.