CRTVG

Buscar

Juan Espadas vence a Susana Díaz nas primarias para ser o candidato do PSOE andaluz

Publicado o 14/06/2021 09:22

Juan Espadas gañou as primarias do PSOE andaluz celebradas este domingo con algo máis do 55 % dos votos. Susana Díaz acadou o 38,43 %. O alcalde de Sevilla, apoiado por Ferraz, convértese así no candidato socialista á presidencia da Xunta de Andalucía para as vindeiras eleccións autonómicas.

A xornada de votación nas primarias do PSOE andaluz remataban ás oito da tarde. Con máis do 60 % dos votos escrutados, Juan Espadas supera a Susana Díaz, pero non son resultados definitivos.

As primarias no PSOE andaluz prolongaron a pugna entre Susana Díaz e Pedro Sánchez. A expresidenta andaluza enfrontouse como principal rival ao alcalde de Sevilla Juan Espadas, o candidato apoiado por Ferraz. A xornada de votación dos militantes comezaba con todas as posibilidades abertas: Susana Díaz e Juan Espadas partían como favoritos, cun terceiro aspirante, o catedrático de Economía e exdeputado Luis Ángel Hierro.

Susana Díaz defendeu un modelo de PSOE de Andalucía "autónomo e independente" da dirección federal. Espadas reivindicaba a súa candidatura como a da unidade e o reencontro entre militantes socialistas.

Estas primarias no PSOE andaluz non só deciden candidato á Xunta de Andalucía para as próximas eleccións autonómicas; tamén determinan quen liderará a renovación interna do partido. 

A proclamación definitiva de candidato á presidencia da Xunta de Andalucía será o 25 de xuño.

Noticias web

14/06/2021