CRTVG

Buscar

Juan Carlos Quer será investigado por un suposto delito de lesións á súa ex-muller

Publicado o 10/10/2019 09:00

Horas despois de ser detido, Juan Carlos Quer quedaba en liberdade, sen medidas cautelares. Á saída dos xulgados, explicaba que denunciara a súa ex-muller por agresión e inxurias, e tamén por falso testemuño.

"Desafortunadamente, a miña ex-muller hai cinco anos que perdeu o norte e o control. Cada paso que dá é un erro adicional. Xa son varias denuncias infundadas. A persoa que debe ser protexida fronte á actuación da miña ex-muller son eu. Son eu a vítima, non ela", aseguraba Juan Carlos Quer.

Con todo, Juan Carlos Quer será investigado pola suposta comisión dun delito de lesións. O xuíz non lle impón orde de afastamento por viviren en municipios diferentes. Diana López Pinel acúsao de lesionala e de intentar atropelala o día antes tras unha discusión.

"O importante é que se ven indicios claros. Despois de verse claramente que isto é asi, e hai indicios, voume moi contenta. Pero non me parece suficiente", dicía Diana López Pinel.

Ás portas do xulgado, Valeria Quer enfrontábase á súa nai e negaba que o seu pai intentara matala.

"Na miña declaración dixen o que tiña que dicir: que o meu pai xamais lle poría a man enriba á miña nai", explicaba Valeria Quer. 

Diana López Pinel di que a súa filla sofre alleamento monoparental e que ela mesma ten medo e sofre ameazas: "Porque estou ameazada. Como non vou ter medo? Da mafia que hai neste país".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019