Juan Carlos Quer defende a prisión permanente revisable para o Chicle
Esperanzada con que se faga xustiza, así agarda a familia de Diana Quer o inicio da vista oral contra o único acusado do crime, José Enrique Abuín, para o que aínda non hai data. O pai de Diana, Juan Carlos Quer, defendeu esta mañá nunha entrevista a esta canle o escrito da acusación particular que pide a prisión permanente revisable para Abuín polos delitos de secuestro, violación e asasinato.
Á espera de que o fiscal presente as súas conclusión provisorias, a acusación particular, exercida pola familia, pide prisión permanente revisable para José Enrique Abuín, o único acusado da morte de Diana Quer.
"Este individuo é un psicópata, unha persoa sen sentimentos, sen empatía de ningún tipo para o que miña filla foi un kleneex de usar e tirar", afirma para a TVG.
O escrito da acusación impútalle a Abuín asasinato, secuestro, violación, este último clave para poder solicitar a prisión permanente revisable.
"Esta pena, cualificada para supostos de extraordinaria gravidade e crueldade, existe nos países máis avanzados de Europa. E conforme ao Tribunal de Dereitos Humanos", engade.
Rematados todos os trámites procesuais, será a sección sexta da Audiencia Provincial, con sede en Santiago, a que fixe a data para o inicio da vista oral.