CRTVG

Buscar

Juan Carlos Quer: "Confío na xustiza e espero que o TSXG confirme a condena"

Publicado o 26/05/2020 10:40

O pai de Diana Quer, a moza asasinada na Pobra do Caramiñal en agosto de 2016, asiste hoxe na Coruña á vista do recurso de apelación contra a sentenza condenatoria a prisión permanente revisable imposta a José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle. Unha hora antes de que dese comezo a vista, Juan Carlos Quer manifestou, en declaracións á Televisión de Galicia, que afrontaba a vista "confiando na xustiza e esperando que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirme a condena".

A avogada do procesado recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a sentenza que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, castigou a Abuín Gey coa máxima pena privativa de liberdade que establece o Código penal, ao considerar que se vulneraron as garantías do condenado. Quer responde que non houbo tal vulneración e que "toda España o puido ver con luz e taquígrafos, porque eu creo que non hai precedentes de que un xuízo desta dureza se retransmitira para todo o país".

O pai de Diana Quer lembrou o sufrimento da súa filla: "Xamais na historia deste país unha nena puido dicir un 'non é non' tan explícito como pagando coa súa propia vida". E tamén o de toda a familia durante o ano e medio en que o seu corpo permaneceu desaparecido.

Por último, Quer, que iniciara unha campaña en contra da derrogación da prisión permanente revisable, volveu insistir en que "é o momento de que a nosa sociedade reaccione" porque sostén que "para estes individuos o cumprimento íntegro das penas non é garantía de reinserción". Nese sentido lamentou que forzas políticas "supostamente progresistas como PSOE e Podemos que defenden os dereitos da muller queira revogar este tipo de pena".