CRTVG

Buscar

López Corbacho, presidente do comité de Alu Ibérica: "O Goberno non entendeu nada"

Publicado o 16/12/2020 09:33

Un día despois da aprobación do estatuto das empresas consumidoras electrointensivas, os traballadores de Alu Ibérica na Coruña, a antiga Alcoa, unha desas empresas de consumo electrointensivo, cren que, a falta de coñecer os detalles da norma, "non se atenden as alegacións que fixeron as administracións, as empresas, os traballadores". Por iso cren, segundo expresou o presidente do Comité de Empresa de Alu Ibérica Juan Carlos López Corbacho: "O Goberno, logo de dous anos, non entendeu moito o problema que había aquí".

López Corbacho cre, mesmo, que "o estatuto é mediocre para as necesidades da gran industria consumidora deste país, que non é toda igual, e para as expectativas que se crearan é un baño de auga fría".

Con todo, admite que "pode ser o principio dunha regulación" se se aproban "mecanismos á parte para estas industrias hiperelectrointensivas como a nosa". Ademais, cre que "pode dar algo máis de estabilidade e pode ser o principio para que nós poidamos arrancar as series de electrólise, que están hibernadas, que están paradas, para buscar unha regulación máis acorde á necesidade da nosa produción".

O mínimo imprescindible

O representante dos traballadores explica que "os outros parámetros que necesitamos para producir foron mellorando co paso dos anos". Refírese ao prezo da alúmina, necesaria para producir o aluminio primario. "Se xuntamos todo, estamos no horizonte de poder arrancar as electrólises porque os prezos que nos daban de horizonte eran por debaixo dos 40 euros por megawatt unha vez aplicados todos os descontos, e con esta regulación estamos aí, cómpre o mínimo imprescindible para que aquí se cumpra o acordado e poidamos arrancar a electrólise".

"A partir de aí —engade— haberá que mellorar todo este escenario. porque, lamenta, "este estatuto leva dous anos na neveira, era para seis meses e sácano como o sacan".

Corbacho cre que "o Goberno o que fixo foi meter nun paquete para a regulación máis de 600 empresas". Ao seu entender, "favorece unha comunidade autónoma concreta e esquece a necesidade concreta de por que se crea este estatuto, que foi con conflito na Coruña que puxo de manifesto a necesidade desta regulación".

Engade que "o mercado do aluminio, a nosa produción, a do aceiro, a das ferroaleacións, ten o prezo regulado por Europa, estamos nun mercado global e non podemos repercutir o prezo das nosas materias primas no prezo final. E o Goberno non entende iso. Ao final mételle axudas a quen si pode repercutir o prezo da enerxía no produto que vende aos consumidores". Por iso repite que "ninguén entendeu nada, o Goberno está de costas a unhas necesidades de reindustrializar o país, e así vamos mal".

"Xestión especulativa" en Alu Ibérica

Respecto da situación concreta de Alu Ibérica, Corbacho considéraa "preocupante, porque temos unha xestión da empresa moi especulativa, de baleirado e desmantelamento da planta". Por iso, di, "esperamos que a Xunta, que aquí ten moito que dicir, e o Goberno central, nos boten unha man".

Noticias web

16/12/2020