CRTVG

Buscar

O histórico dirixente etarra Josu Ternera sae en liberdade baixo control xudicial

Publicado o 19/06/2019 19:33

O histórico dirixente etarra Josu Ternera, detido o pasado 16 de maio, volve estar en liberdade, baixo control xudicial. Un tribunal de París ordenou a súa saída inmediata da prisión por problemas de saúde. Ten que operarse da próstata. Terá que presentarse na comisaría todas as semanas.

Egoitz, fillo do histórico dirixente da banda terrorista ETA, espera para entrar na sala do Tribunal de Apelacións de París onde se celebrou a audiencia. No interior, José Antonio Urrutikoextexa, Josu Ternera, detido o pasado maio tras máis de 17 anos fuxido, escoitou durante máis de dúas horas os argumentos da Fiscalía e dos seus avogados.

A defensa reclamou a súa posta en liberdade porque o etarra debe ser operado con urxencia. E ademais, aseguran os letrados, o detido non vai fuxir. O tribunal accedeu e Josu Ternera saíu este mércores da prisión da Santé.

O fillo do dirixente etarra, que tamén está en liberdade condicional, estaba satisfeito. Di que desta volta os xuíces non tiveron en conta as presións políticas. "As presións políticas non foron tidas en consideración".

Ata que se celebren os xuízos que ten pendentes, Josu Ternera terá que presentarse todas as semanas nunha comisaría de París e non poderá saír do territorio francés.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí