CRTVG

Buscar

Joshua Alonso: "Moitos orfos da violencia machista non teñen a capacidade de alzar a voz"

Publicado o 06/03/2020 10:45

Joshua Alonso puxo o Senado en pé cando denunciou o abandono dos orfos da violencia de xénero hai dous anos. Neste tempo "o único importante que cambiou foi que se aprobou o 1 de marzo de 2019 a nova lei de pensión de orfandade, pola que calquera orfo, aínda que a nai non traballase ou cotizase o suficiente, vai ter unha pensión mínima", explicou no estudio do Bos días.

Non obstante, dixo "aínda quedan moitas cousas por facer porque hai cousas que non están cubertas. Hai nenos que acaban de facer os 18 anos e non van ver nin un euro".

Este sábado celébrase no Multiusos da Xunqueira de Redondela o evento que clausura o proxecto No camiño do vento. Trátase dun libro editado pola familia e amigos de Sesé Mateo, vítima de violencia machista en 2017; en concreto, foi a vítima número 13 dese ano, das 48 que se rexistraron durante todo o ano, aínda que hai moitas outras que non entran no cómputo por non ter relación co seu asasino. Joshua Alonso é o fillo de Sesé. Tiña en 2017 25 anos: "É unha loita pola igualdade, contra a desigualdade que sofren os orfos da violencia de xénero. E sobre todo unha forma de honrar a miña nai. Os dez euros que custa destínanse a bolsas de axudas para orfos da violencia de xénero, e xa temos máis de 14.000 euros, e creo que é moi importante".

Ademais deste libro, o seu traballo vai máis alá: "Decidimos crear un protocolo de actuación. Cando asasinan unha muller hai que facer trámites, petar en moitas portas, e contar e volver contar a mesma historia. E quero que iso se vexa nun protocolo e que as seguintes familias que veñan poidan chorar a perda e saber os trámites que teñen que facer e a que poden acceder. Cambiar os problemas que eu tiven e mudar a unha vida mellor".

"Os orfos adoitan ser menores de idade e non teñen a capacidade de alzar a voz, e por iso é importante para eses orfos que alguén se preocupa por eles, por como están", afirma Joshua, que explica que neste tempo "a miña vida mudou, teño a oportunidade de ir a colexios, institutos e ver que vén unha xuventude loitadora. E no resto cambioume a vida, son un pai de familia, porque a miña parella e mais eu convertémonos en pais e tiramos para adiante. Grazas á bolsa de estudos Igor pode estudar, está ben, tivo un apoio psicolóxico de calidade, ten doce anos e é un neno feliz".

Ademais, envía unha mensaxe á sociedade sobre a necesidade de cambiar: "Eu quedei sen nai polo machismo, e temos que mudar porque hai algo que non facemos ben".

Noticias web

06/03/2020