CRTVG

Buscar

Bartomeu e Masferrer, en liberdade con cargos despois de acollerse o seu dereito a non declarar

Publicado o 01/03/2021 12:10

Bartomeu e Masferrer, en liberdade con cargos despois de acollerse o seu dereito a non declarar

O expresidente do Barcelona Josep Maria Bartomeu foi detido este luns no marco da operación que están a realizar os Mossos d'Esquadra, que comezou co rexistro das oficinas do club blaugrana. Os outros detidos son Òscar Grau, director xeral do club, e Román Gómez Pontí, responsable dos servizos xurídicos.

Os axentes están a investigar o escándalo do Barçagate, segundo o cal o equipo directivo de Bartomeu contratou unha empresa que creaba contidos en redes e na web en que se difamaba a persoas críticas coa directiva do club. A contratación fíxose, ademais, saltando todos os controis legais e financeiros internos.

A operación forma parte do sumario do chamado caso Barçagate, segundo o cal o club tería contratada unha empresa para mellorar a imaxe de Bartomeu e difamar a través das redes sociais a quen criticase á directiva, xogadores incluídos. Seis membros do consello abandonaron a directiva cando a existencia desta estratexia se fixo pública. Entre eles, o chamado a suceder a Bartomeu Emili Rousaud, quen dixo que alguén metera a man na caixa. Porque o Barça pagou seis veces por enriba do prezo de mercado o traballo da empresa contratada para lavar a imaxe do presidente.

No seu informe, os mossos falan de indicios de corrupción nos contratos asinados polo Barça. Ademais sinalan que se tentaron evitar os controis internos ao fraccionar o millón de euros facturado en pagamentos de 200.000. O caso permanece baixo segredo de sumario para evitar filtracións. O domingo sairá das urnas o novo presidente do Barça, o sucesor de Bartomeu.