CRTVG

Buscar

Josep Borrell será o novo xefe da diplomacia da UE

Publicado o 02/07/2019 21:56

• Sánchez: "Este acordo demostra que España volveu"

• A alemá Von der Leyen presidirá a Comisión Europea, o belga Charles Michel o Consello e a francesa Christine Lagarde o BCE

• Queda constituída a Eurocámara sen os líderes independentistas

España logra un dos cinco altos cargos da Unión Europea que se repartían os socios comunitarios estes días en Bruxelas. Josep Borrell será o novo xefe da Diplomacia comunitaria. O presidente do Goberno en funcións cualifica esta decisión  de extraordinaria. Ademais, por vez primeira na historia, unha muller dirixirá o Executivo comunitario. Sabela Romar.

O ministro de Asuntos Exteriores en funcións, Josep Borrell, será o próximo xefe da diplomacia europea e substituirá así á italiana Federica Mogherini no cargo, en virtude do acordo selado entre os xefes de Estado e de Goberno dos Vinte e oito para a renovación dos altos cargos da UE. Borrell tamén será vicepresidente da Comisión Europea, cargo que compaxina o Alto Representante de Política Exterior e de Seguridade Común da UE desde finais de 2009 tras a entrada en vigor do Tratado de Lisboa. O obxectivo era reforzar a coherencia e coordinación entre as diferentes carteiras no Executivo comunitario que gardan relación cos Asuntos Exteriores, entre eles Desenvolvemento e a Política de Veciñanza.

O xefe da diplomacia española sempre soou como un candidato natural para o posto de Alto Representante polo seu cargo actual e o seu coñecemento sobre Europa. Borrell foi presidente do Parlamento Europeo entre xullo de 2004 e xaneiro de 2007. Impúxose ao actual vicepresidente da Comisión, o eslovaco Maros Sefcovic. Será o segundo español que ocupe o cargo de xefe da diplomacia española tras Javier Solana, que foi o primeiro Alto Representante de Política Exterior e de Seguridade Común da UE durante dez anos, entre outubro de 1999 e novembro de 2009.

Á espera de que mañá o Parlamento elixa presidente ou presidenta. De momento, dúas mulleres e dous homes ocuparán os catro cargos máis desexados do Executivo comunitario. Unha repartición que custou máis de trinta horas de negociacións e que non logrou o aumento de poder que pretendían os socialdemócratas. A presidencia do executivo comunitario, seguirá en mans do Partido Popular. Iso provocou xa as queixas dos socialistas na Eurocámara. O Parlamento Europeo ten que validar estes nomeamentos en quince días.

A conservadora alemá Von der Leyen, elexida para a presidencia da Comisión Europea
               
A actual ministra de Defensa alemá, a conservadora Ursula von der Leyen, foi elexida este martes futura presidenta da Comisión Europea, o máis codiciado dos cargos cuxaa repartición se negociaba no cumio europe desde o domingo. 

O belga Charles Michel, elixido presidente do Consello Europeo
               
O primer ministro belga en funcións, o liberal Charles Michel, foi elixido este martes presidente do Consello Europeo. 

Propoñen a Lagarde como presidenta del BCE
               
Os líderes da Unión Europea propuxeorn a directora xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde, como candidata a presidir o Banco Central Europeo (BCE).


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/07/2019