CRTVG

Buscar

José Miñones renuncia como alcalde en Ames para ser delegado do Goberno en Galicia

Publicado o 29/03/2021 13:42
José Miñones renuncia como alcalde en Ames para ser delegado do Goberno en Galicia

O exalcalde de Ames, José Manuel Miñones Conde, será o novo delegado do Goberno en Galicia. Miñones, rexedor dese municipio próximo a Santiago desde o ano 2015, substituirá desta forma a Javier Losada, que exercía o cargo desde xuño do 2018, poucas semanas despois de que Pedro Sánchez accedera á presidencia do Goberno.

O licenciado en Farmacia e profesor José Miñones contou ao facer oficial a súa renuncia que deixa a súa acta con "tristeza" e que asume o seu novo cargo, de delegado do Goberno en Galicia, con "ánimo".

Nun pleno extraordinario convocado con carácter de urxencia a última hora desta tarde, o rexedor saínte, formalizou a súa renuncia e lembrou que leva na corporación local once anos e medio, desde o 24 de setembro de 2009, os seis últimos como primeiro edil.

Por todo iso, compartiu que a súa sensación nesta xornada é de "tristeza" e de "melancolía", consciente de que deixa "xente estupenda" aínda que a súa porta vaia a seguir aberta. Profundou en que non sempre foi fácil o camiño, porque dedicarse á política non o é, expuxo, e ás veces viviu situacións de "montaña rusa" e tamén a "dureza do día a día".

Pero, con todo, relatou que este periplo resultou "moi satisfactorio" e  máxime por poder contar co respaldo de "moi boa xente", á que citou nos agradecementos. Ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, agradeceulle a súa "enorme confianza" e prometeu "ánimo" e "moita ilusión" na responsabilidade que está a piques de estrear. Ames non se librará del: "Quero moito a este concello. Seguirei sendo un veciño máis"

O cambio podería anunciarse mañá mesmo no Consello de Ministros. Con esa substitución, a Moncloa quere tamén trasladar unha imaxe de renovación no PSOE galego, en tanto que Miñones pertence a unha xeración diferente á de Losada, veterano socialista que xa foi alcalde da Coruña, corporación á que chegou en 1983.

A Vicepresidencia Primeira, da que depende este nomeamento, xa se puxo en contacto con ambos, segundo as mesmas fontes; ao comezo da actual lexislatura, en xaneiro do 2020, xa propiciou varios cambios de delegados en comunidades autónomas, aínda que non en Galicia.