CRTVG

Buscar

José Luis Martínez: "As comisións en España son menores que en Europa e é importante para dar un bo servizo que teñan un prezo adeucado"

Publicado o 13/12/2019 10:15

Nestas semanas, os usuarios de banca recibiron a notificación do incremento das comisións que as súas entidades lles cobran nas súas contas. José Luis Martínez, voceiro da Asociación Española da Banca, explicou no Bos días que "as comisións en España son menores que a nivel europeo, e é importante recordar que para dar un bo servizo ao cliente teñan un prezo adecuado e os servizos financeiros teñen un custo".

Sen aclarar se esa estratexia de incremento das comisións se vai xeneralizar, José Luis Martínez insistiu en que "o que temos que recoñecer é que 3 de cada 4 servizos financeiros son gratuítos e a competencia en España é feroz e iso beneficia os clientes". O que pode pasar, segundo asegurou, depende de cada banco: "As estratexias comerciais de cada entidade responden a cada unha das empresas e cambian ao longo do tempo".

O que si parece descartado, na opinión do voceiro da Asociación Española de Banca, é que ese incremento das comisión chegue aos depósitos: "O que sabemos de momento é que as entidades en España non parece que vaian cobrar polos depósitos ás familias, nun escenario en que os tipos de xuro do BCE son negativos, e iso non se lles está trasladando ás familias".