CRTVG

Buscar

José Guirao, ex-director do Museo Raíña Sofía, novo ministro de Cultura e Deporte

Publicado o 13/06/2018 21:33

O novo ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, foi director do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía durante seis anos e tamén ocupou a Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura entre 1993 e 1994 con Felipe González á fronte do Goberno. 

Este filólogo nacido en Pulpí (Almería) en 1959 chegou á Dirección do Raíña Sofía en 1994, coa socialista Carmen Alborch á fronte do departamento de Cultura, e permaneceu no posto ata 2001, co popular José María Aznar como inquilino da Moncloa.

O novo responsable de Cultura e Deporte, anunciado unha hora despois da dimisión de Màxim Huerta, acometeu durante o seu mandato a remodelación da colección permanente e a ampliación do Museo. Un ano antes do seu nomeamento, foi director xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura, liderado entón por Carmen Alborch.

Guirao, licenciado en filoloxía hispánica, foi responsable da Área de Cultura da Deputación Provincial de Almería desde 1983 ata 1987. Máis tarde pasaría a ostentar o posto de director xeral de Bens Culturais da Junta de Andalucía de 1988 a 1993. A partir de 2001 asumiu a dirección de La Casa Encendida.

Na actualidade e desde xaneiro do 2013, ocupa a Dirección Xeral da Fundación Montemadrid, un organismo que xestiona de maneira directa La Casa Encendida e a Casa San Cristóbal e que traballa na mellora da calidade de vida e a inclusión de persoas en dificultade social.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2018