CRTVG

Buscar

Blanco e Pastor desvincúlanse de calquera decisión de seguridade do Alvia

Publicado o 12/02/2019 09:19

José Blanco foi ministro de Fomento ata decembro de 2011, data en que se inaugurou a liña. Negou que se adiantase a posta en marcha da liña para facelo coincidir coas eleccións porque, engadiu, os comicios convocáronse despois e afirmou que non eran competencia súa as decisións sobre o sistema de freada do ERTMS. Aínda estando conectado, matizou que o accidente podería producirse igual e apuntou ao descoido do maquinista como a causa do sinistro.

José Blanco dixo que se arrepinte de ser contrario á comisión de investigación no Congreso e pediulles desculpas ás vítimas se iso lles causou dor.

"Eu non me arrepinto máis que de non aceptar no seu día a comisión de investigación porque entendo que supuxo que se xerase unha dúbida sobre se había algo que ocultar ou sobre se había algo que non se puidese saber. Non houbo pacto de silencio en ningún caso. En todo caso, o que houbo é un silencio que eu mesmo me autoimpuxen tras o accidente para non xerar polémica, consciente da magnitude da traxedia e da dor das vítimas", afirma José Blanco, ex-ministro de Fomento.

Ana Pastor era a ministra de Fomento o día do accidente. Nun ton emocionado amosou a súa solidariedade coas vítimas. Pastor dixo que a ela non lle corresponde entrar a valorar se o sinistro se evitaría co sistema ERTMS ou cales foron as causas. Nese sentido, negou que desde o ministerio dese instrucións para culpar o maquinista do accidente.

"Nunca oiría da miña persoa nin da miña boca, nunca, nin en comparecencia pública nin en privado, nin en ningún lugar atribuírlle a causa do accidente a nada nin a ninguén", asegura Ana Pastor, ex-ministra de Fomento.

A ex-ministra tamén sinalou que nunca deu orde para que non se facilitase información ao xuíz.

"Xamais dei unha soa instrución, nunca xamais. Nin eu persoalmente nin nunca xamais dei unha instrución para que non desen toda a información. Antes, ao contrario, o que tiña indicación todo o equipo de dirección do Ministerio era que calquera información que tivesen, ademais da que pide o xuíz, que toda se puxese en coñecemento da autoridade xudicial", di Ana Pastor, ex-ministra de Fomento.

Sobre a petición das vítimas de reabrir a investigación Ana Pastor dixo que ela non tiña, como ministra, competencia para facelo, pero engadiu que se hai que investigar máis que se faga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019