CRTVG

Buscar

José Antonio Gómez: "É imprescindible e necesario derrogar a reforma laboral"

Publicado o 23/03/2021 12:36

Derrogar a reforma laboral, chegar a un gran pacto de país para saír da crise, avanzar no diálogo social ou na suba do salario mínimo interprofesionais son algúns dos principais obxectivos de José Antonio Gómez no seu quinto mandato como secretario xeral da UXT.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, considera "imprescindible e necesario" derrogar a reforma laboral. Neste sentido, agarda que a ministra de Traballo, e nova vicepresidenta terceira, poña enriba da mesa este asunto canto antes. "Se non, imos entrar nun camiño de mobilizacións para conquerilo", advirte.

Segundo José Antonio Gómez, reelixido a pasada semana no XIII Congreso do sindicato, antes da pandemia xa se produciran serios avances para cambiar algúns dos elementos máis lesivos da reforma laboral. Porén, agora asegura que as confederacións empresariais non están dispostas a falar.

"Fago un chamamento ás confederacións de empresarios para traballar todos xuntos e derrogar reformas que prexudican as clases traballadoras pero tamén protexen empresas pouco serias", asegura. E lembra o caso de Siemens-Gamesa.

Gran consenso de país

O líder sindical pensa que o único xeito de saír adiante é con salarios dignos "que permitan reactivar o consumo e relanzar a economía". Por iso, reclama un gran consenso de país para atraer novos proxectos cos fondos europeos. "É imprescindible aproveitalos para darlles saída á mocidade ou ás mulleres, que tamén están a sufrir a precariedade", salienta.

Considera que, tras a pandemia, deberiamos aprender a converter a industria no eixo do país, apostar pola localización e chegar a un pacto entre as administracións e as entidades implicadas para "desenvolver os sectores estratéxicos". 

Tamén se amosa partidario dun acordo pola enerxía no que as hidroeléctricas deberían comprometerse. Na súa opinión, despois de aproveitar durante anos os nosos recursos, poderían apostar por Galicia e manter a produción de As Pontes con biocombustible.

Respecto á situación de Alcoa, acusa as administracións de non estar á altura nun primeiro momento e foron as organizacións sindicais as que "tiraon do carro".

Prolongación dos ERTE

Reclama a modificación dalgúns aspectos das axudas directas para pequenas empresas e autónomos e a prolongación dos ERTE tras a pandemia. Tamén a derrogación da reforma das pensións de 2013, "que se fixo de xeito unilateral á marxe do pacto de Toledo" e avanzar na suba do salario mínimo interprofesional. O seu obxectivo é que, ao final da lexislatura, estea no 60 % do salario medio do noso país.

Noticias web

23/03/2021