CRTVG

Buscar

José Antonio Gómez e Avelina Amado reciben a Medalla do Mérito Civil

Publicado o 28/06/2019 10:42
José Antonio Gómez e Avelina Amado reciben a Medalla do Mérito Civil

Este ano, Filipe VI celebra cinco anos do seu reinado, e un dos actos deste aniversario foi rodearse de xente do común. Persoas que día a día fan un mundo mellor co seu traballo, porque gozan con iso, e porque saben que ten que ser así. E ás veces, teñen o recoñecemento público. Dos 41 cidadáns que recibiron do Rei a Medalla do Mérito Civil están Avelina Amado e José Antonio Gómez que este venres foron entrevistados no Bos días. Avelina é mestra de Formación Profesional na Coruña e José Antonio é o ex-patrón maior de Portonovo.

Os dous acudiron recoller as súas medallas hai unha semana nun acto en que puideron compartir algún momento con Filipe VI. 

"Eramos moitos, -di José Antonio-, todos queriamos a foto con el. Eu quíxena repetir porque cando foi do Prestige veu a confraría e fixemos unha foto alí. Estaba daquela a raíña de reporteira. El acórdabase". 

Avelina recoñece que nun acto tan multitudinario preferiu optar por unha posición máis de segundo plano, "eu falar pouco falei, eramos moitos", asegura.

Avelina e José Antonio, explicaron como lles comunicaron a concesión da medalla e os dous coincidiron en asegurar que nun primeiro momento pensaron que se trataba dunha broma. En calquera caso, asumen o recoñecemento como un premio para o colectivo ao que representan. 

"Eu quero compartir o premio co sector da baixura", asegura José Antonio, a quen por uns días lle cambiou a vida: "Eu xubileime en outubro, e xa me dedicaba aos netos. Agora chegoume isto, pois volveu cambiar todo".

"Hai que tomalo como vén. Eu ata o de agora estaba na miña zona de confort, na miña aula... E agora estou desbordada", recoñece Avelina.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/06/2019