José Alén deixa o cárcere e ingresará nun centro psiquiátrico
As partes compareceron hoxe na Audiencia Provincial de Ourense para determinar o futuro inmediato de José Alén, absolto polo xurado popular de matar a súa muller no Carballiño. Aplicóuselle unha eximente completa de alteración psíquica, pola demencia frontotemporal que padece. Ten que ingresar nun centro psiquiátrico penitenciario, pero mentres esa sentenza non sexa firme, a Audiencia debe decidir se segue en prisión preventiva ou queda en liberdade para ingresar nun centro civil tal e como solicita a súa defensa.
Con todo se a sentenza chega a confirmarse tras o recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Alén terá que cumprir ata catorce anos de internamento nun centro psiquiátrico penitenciario. Só hai dous así en España: un en Alacante e outro en Sevilla. Era a medida que solicitaran a Fiscalía e a acusación particular.
A Audiencia Provincial de Ourense resolveu finalmente atender a petición da defensa, e ditou un auto de liberdade para proceder ao internamento non voluntario de José Alén con carácter urxente.