José Alén, acusado de matar a súa muller no Carballiño, será xulgado este luns por un xurado popular
Publicado o 05/07/2019 13:01

O luns comeza na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo contra o home do Carballiño acusado de matar a súa muller en 2017.
José Alén, en prisión preventiva, será xulgado por un xurado popular. A fiscalía pide para el 14 anos de internamento nun psiquiátrico penitenciario e a absolución por eximente completa, debido ao seu estado mental.
Segundo os forenses, o acusado ten un deterioramento grave das facultades mentais por unha enfermidade neurodexenerativa. A súa muller xa tiña recorrido aos servizos sociais para que lle prestasen axuda domiciliaria. Virginia Ferradás tiña 55 anos. O seu cadáver presentaba signos de estrangulamento e asfixia.