José Alávarez (CGT-Renfe): "O persoal estase xubilando e non hai xente suficiente para dar o servizo que ten que dar a empresa"
O sindicato convocante da folga en Renfe que comeza este mércores é CGT. Na estación da Coruña, José Álvarez, representante desta formación asegura que afrontan os paros "coa tranquilidade que se deu noutras ocasións. Esperemos que non haxa incidencias -asguraba-. Que se cumpran os servizos mínimos que son a práctica totalidade dos trens. E que supoña que tanto a empresa como o Ministerio como a empresa tomen medidas, e como temos convocados máis paros para novas datas a ver se se sentan na mesa a negociar".
En canto aos motivos que levan á convocaoria do paro, desde a CGT son moi rotundos: "A principal demanda é a falta de persoal. A xente estase xubilando e non está ingresando o persoal suficiente para dar o servizo que ten que dar esta empresa que recordemos é unha empresa pública e ese servizo de calidade estase deteriorando pola falta de persoal".
Para poñer exemplos sobre os motivos que levan a realizar o paro ofrecen datos, ao seu ver moi reveladores do que é a situación en Renfe. "Por exemplo do ano pasado en Galicia -di José Álvarez- cen trens foron suprimidos por falta de maquinista e máis de 5.200 trens viaxaron sen interventor a bordo o que repercute nos ingresos dos billetes que se venden a bordo como da calidade de servizo porque non hai ninguén atende aos biaxeiros. En intervención e na área das taquillas é onde máis se nota a falta de persoal".
"Xa hai convocados máis paros. Os próximos son o 31 de agosto e o 1 de setembro", advirten desde a CGT, e a perspectivas non parecen boas no senso de chegar a un acordo: "As negociacións están paradas. Case non houbo negociación para o primeiro paro do 31 de xullo, e desde ese día para aquí a empresa non chamou, non está. Mandamos unha carta ao ministro de Fomento para que interveña no conflito, pero non tivemos resposta", conclúe José Álvarez.