CRTVG

Buscar

José Abuín Gey, 'o Chicle', declara pola presunta agresión sexual á súa cuñada en 2005

Publicado o 27/07/2021 14:48

O Xulgado de Instrución número 2 de Noia decretou o procesamento de Abuín Gey por un presunto delito de agresión sexual contra a súa cuñada, ao entender que existen "indicios bastantes" de que o investigado atentou contra a liberdade sexual da denunciante.

O acusado declarou este martes por videoconferencia, nun acto que se desenvolveu, segundo fontes xudiciais, "con total normalidade". Declarou dende o cárcere en León, onde cumpre a condena de prisión permanente revisable polo asasinato de Diana Quer na Pobra do Caramiñal en 2016. Do que dixo nada trascendeu polo momento, só que foi breve.

Foi precisamente a raíz deste crime cando se decidiu reabrir a investigación por esta suposta violación da súa cuñada no ano 2005.

O auto xudicial relata que presuntamente José Enrique Abuín Gey intimidou a súa cuñada cunha arma branca, forzándoa a manter relacións sexuais. Logo de convencela para levala ao instituto, supostamente Abuín desviou o coche ata un parque municipal en Lousame, onde se produciría a agresión.

A xuíza que instrúe o caso destaca que o relato da vítima durante todos estes anos foi "coherente e consistente", e que existen "indicios bastantes" de que o investigado atentou contra a liberdade sexual da denunciante.

Impútalle un delito de agresión sexual coas agravantes de uso de arma branca e de prevalemento ou abuso de superioridade, pois a vítima era a súa cuñada e era, daquela, menor de idade.

No auto xudicial descártase a prescrición dos feitos, e requíreselle ao procesado o depósito de 10.000 euros de fianza.

José Enrique Abuín está condenado polo asasinato de Diana Quer en agosto de 2016, e por tentar agredir sexualmente unha moza en Boiro en 2017, feitos que, para a instrutora, "reforzan os indicios de veracidade" da denuncia da súa cuñada.



Noticias web

27/07/2021