CRTVG

Buscar

Jorge Sobral: "As crenzas dos xuíces inciden directamente na súa aplicación do Dereito Penal"

Publicado o 22/07/2019 10:14

De cando en vez, todos temos unha sensación de estrañeza polo moi diferente que poden ser as sentenzas xudiciais e en casos aparentemente iguais. E xa non digamos casos que nunha instancia teñen un veredicto, máis ou menos leve, e nun tribunal superior endurécese motísimo. Todos temos na cabeza o caso de La Manada de Pamplona.

Máis aló do dereito, a psicoloxía parece que pode dar luz a como funcionan os tribunais, que están formados por persoas que, como todos, teñen os seus prexuízos, os seus sesgos. Jorge Sobral, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Santiago, que traballou sobre todo no mundo da psicoloxía criminal cre que "se o dixésemos así -que as sentenzas dependen do xuíz que che toque- podería parecer unha afirmación excesiva, pero no fondo hai algo certo, a xente sorpéndese nas decisións que toman os xuíces en cuestións que son practicamente iguais. E cando a diferenza non está na lei aplicable, que é a mesma, tampouco está nos feitos probados, e as sentenzas son diferenzas, só nos queda unha hipótese: a diferenza radica nas diferentes estruturas cognitivas do xuíz, marcadas pola súa propia formación xurídica, humana, e na educación en moitos eidos, e sobre todo naquilo que eles pensan desde un punto de visa ideolóxico relativo a cal é afunción xurisdicional".

O profesor Sobral pon un exemplo que ten que ver coa reinserción: "Hai xuíces que teñen unha opinión sobre a eficacia da institución penitenciaria e poden ser máis ou menos proclives a enviar a prisión aos condenados en caso ante determinados supostos xurídicos e outros, e outros seren máis partidarios de impoñer penas de servizos comunitarios ou á sociedade", afirma. 

"Iso non se estuda nas facultades de Dereito, ten que ver con aspectos psicosociais, ideolóxicos e de valores dos propios xulgadores. E cando digo ideolóxico dígoo desde o mellor sentido da palabra, non dunha cuestión partidista, senón ao sentido de ter unha certa concepción do mundo e de para que debe valer o Dereito Penal", explicou Jorge Sobral no plató do Bos días. "O problema prodúcese cando a disparidade alcanza niveis que ponden parecer excesivos", dixo. "As crenzas dos xuíces inciden directamente na aplicación do Dereito Penal", concluíu.

Respecto á influencia que os medios de comunicación poden ter nas decisións xudiciais, Sobral cre que "é difícil de afirmar con datos empíricos porque os estudos sobre isto son complicados de facer, pero todos entendemos que a resposta é que si, que os xuíces non se poden illar da influencia da contorna, da comunidade, e os medios teñen un enorme papel para facer presión e influír na percepción do caso".

E no que ten que ver cos xurados dixo: "Eu teño unha posición clara, froito de estudos ao respecto. Os xurados non teñen que entrar en cuestións de Dereito, pero cando se trata de avaliar cuestións de feito, hai moitos estudos que amosan con claridade que son perfectamente capaces ou polo menos tan capaces como os xuíces de dilucidar a veracidade destas cuestións de feito".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí