CRTVG

Buscar

Jorge Reynolds: "O último marcapasos que deseñei é como a cuarta parte dun grao de arroz"

Publicado o 12/10/2018 10:32

No tempo da entrevista falamos co enxeñeiro electrónico Jorge Reynolds, creador do marcapasos. 

Da enxeñaría á medicina: a creación do primeiro marcapasos

"Verdadeiramente foi unha vida dedicada ao corazón, un órgano do que cada día sabemos que coñecemos menos. Un mundo por descubrir verdadeiramente incrible". 

"Cando eu comecei, despois de rematar enxeñaría electrónica en Inglaterra, por circunstancias un pouco raras cheguei á medicina. Aí comecei a ver que o corazón era un sistema eléctrico e que as arritmias e os problemas que causaban mortes eran debidos a insuficiencias nos sistemas eléctricos. Cheguei á idea de que se podía chegar a crear un sistema artificial de creación de impulsos eléctricos. Falei cos médicos e un interesouse moito. Así comezamos coa implantación do primeiro marcapasos no mundo". 

"Estamos falando de 1958. O transistor, como elemento, non era comercial. O primeiro marcapasos pesaba 50 quilos e funcionaba cunha batería dun automóbil. Tivemos a sorte de que o primeiro paciente ao que lle implantamos un marcapasos viviu 18 anos máis e morreu con 104". 

O marcapasos externo

"Cando os transistores comezaron en 1960, ese marcapasos púidose reducir a un que pesaba media libra. Hoxe imos ao novo marcapasos que deseñei, que aínda non probamos en humanos, e que é a cuarta parte dun grao de arroz. Xa non usa baterías, senón que por un fenómeno físico, a mesma contracción do corazón produce a corrente para o seu funcionamento". 

"O teléfono móbil comeza a ser vital en todo isto, porque o médico ten no seu teléfono as alarmas que se poidan producir no funcionamento de calquera marcapasos, para poder cambiar o seu funcionamento". 

"Cremos que se poderá implantar no primeiro humano antes de fin de ano". 

As células nai

"Os avances de hoxe en día déixannos experimentar coa rexeneración do sistema eléctico do corazón coas células nai. Estamos comezando a investigalo, pero pensamos que é o futuro e que os marcapasos artificiais poden desaparecer". 

"O futuro, en gran parte, pasa polos nanoelementos e a nanotecnoloxía". 

"Experimentalmente xa se está facendo. En noventa días pódese obter un corazón completo a partir das células nai, listo para transplantar". 

O papel da investigación

"Sempre está o problema do diñeiro. Precísanse fondos. No mundo, hoxe en día, xa se creou unha comunidade moi grande de investigación que está ao compás dos adiantos tecnolóxicos. A interdisciplinariedade fixo que se poidan mellorar os avances tecnolóxicos de maneira comunitaria". 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2018