Jorge Prado gaña a segunda manga en Letonia e sobe un posto no Mundial
O lucense xa é o terceiro, a quince puntos do líder Tim Gajser
A saída da primeira manga en Letonia deixounos unha das secuencias do día e do campionato: a da pechada loita entre Jorge Prado e Jeffrey Herlings, con evidente risco de caída incluído. Gañou a partida Herlings, que dominou con claridade a proba. O galego foi o cuarto.
A segunda foi outro conto. Febre, gañador hai unha semana en Bélxica, dominaba ata que se foi ao chan. A partir de aí, a carreira foi de Jorge Prado, que contivo durante voltas e voltas o empuxe de Herlings. Ti podes, dicianlle desde o pitlane, pero o que lle pasou foi que caeu a poucos metros do final, cando Prado xa era inalcanzable.
A vitoria global foi para o líder Tim Gajser, nun exercicio de regularidade. Prado mellora un posto na xeral, é terceiro, e transmite cada vez máis optimismo.
O Mundial toma un respiro. Dentro de catro semanas volve a competición cunha dobre entrega en Turquía. Alí chegará Rubén Fernández, en MX2, logo dun grande premio accidentado en Letonia. Foi undécimo e no Mundial perde un posto, é o cuarto. E deixounos outra das imaxes curiosas, cando librou por ben pouco dun apropelo ao recuperar a súa moto. Cousas que pasan.