CRTVG

Buscar

Jorge Prado consegue o seu segundo título de motocrós MX2

Publicado o 25/08/2019 16:36
O piloto galego Jorge Prado asegurou, cando faltan dúas carreiras, o seu segundo título mundial consecutivo de motocrós na categoría MX2 ao gañar este domingo en Uddevalla a primeira manga do Gran Premio de Suecia. O piloto galego, de 18 anos, converteuse o ano pasado no primeiro español que conquistaba o título mundial da categoría. Once meses despois, revalida a súa coroa, para a que lle faltaban vinte puntos. Prado sairá na segunda manga de Suecia co equipamento de campión do mundo e as dúas últimas etapas do campionato, Turquía e A China, serán para festexar o seu novo título.
Prado gañou en todos os grandes premios en que competiu (faltou a Gran Bretaña por lesión). O lucense tomou a dianteira desde a saída e mantivo a súa posición ao longo dos trinta minutos máis dúas voltas que dura unha manga, a pesar de que o seu compañeiro e rival Tom Vialle estivo a apertarlle. A emoción desatouse tras a carreira na recta de saída. Berros, bágoas, empuxóns de xornalistas, abrazos con avós, irmá, noiva, pais e todo o seu equipo, todos empapados en champaña e envoltos polas festivas serpentinas douradas, relata o seu gabinete de comunicación.
"Son absolutamente feliz, isto é o que soñara sempre. O ano pasado foi moi especial porque gañei o meu primeiro título, pero este ano tamén foi un ano de moitísimo traballo e esforzo e estou moi orgulloso porque nos saíron as cousas moi ben e case todo saíu perfecto durante a tempada. Estou súper agradecido ao equipo, á miña familia e a todos os que me apoian no día a día, a eles e aos afeccionados dedícolles este título", comentou.
Se gaña este Gran Premio, Prado igualará a cifra de catorce vitorias consecutivas conseguida por Jeffrey Herlings no ano 2013 e tentará mellorala nas dúas carreiras restantes. Despois debutará na clase reina de MXGP no próximo Motocrós das Nacións e pasará á categoría máxima en 2020 (obrígalle o regulamento por gañar dous títulos en MX2). 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí