CRTVG

Buscar

Jorge Molina, investigado polo presunto pago de dous millóns de euros a sete xogadores do Vilarreal

Publicado o 15/05/2020 22:57

O caso Oikos aparece de xeito recorrente para axitar as pozas da corrupción no fútbol español. Unha nova escoita vencella ao capitán do Xetafe Jorge Molina coa trama liderada polo exfutbolista Carlos Aranda. Segundo as investigacións da Policía, Jorge Molina teríalle confirmado a Aranda a través dunha terceira persoa que o Xetafe lle ía dar 2 millóns de euros a 7 xogadores do Vilarreal para que o cadro castellonenco perdese ante os azulóns o último partido da pasada temporada.

Os madrileños, que acabaron quintos, pelexaban por entrar na Liga de Campións. O partido do Coliseum Alfonso Pérez acabou empate a 2 cun gol do Vilarreal no minuto 87. O Xetafe a través dun comunicado oficial amosou o seu apoio incondicional ao seu capitán e nega a súa implicación. O Vilarreal tamén se pronunciou nas últimas horas.

O cadro de Castellón rexeita ter participado en ningún tipo de amaño. Tamén a liga se moveu e anuncia a apertura dun expediente de información así como a adopción das medidas precisas para o esclarecemento dos feitos investigados. O que parece seguro é que esta non vai ser a última vez que escoitamos falar do caso Oikos

Noticias web

15/05/2020