CRTVG

Buscar

Jorge Cebreiro (CEP): "Hai anuncios que trasladan preocupación aos empresarios"

Publicado o 08/01/2020 12:16

Jorge Cebreiro, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, asegurou no 'Bos días' que "nós vimos dicindo que hai que aplicar a prudencia. Primeiro agardar. É moi importante a investidura pero máis coñecer as medidas que propoña o Goberno e como se van financiar".

Cebreiro defendeu que "hai que ver como se plantea o diálogo social cos sindicatos e cos empresarios e coa propia administración. Polo tanto prudencia aínda que si hai anuncios que trasladan preocupación aos empresarios".

Respecto a posibilidade que case se dá por feita de que Yolanda Díaz sexa ministra de Emprego, o presidente dos empresarios pontevedreses, quixo ser prudente: "Imos ver, se efectivamente a ministra é unha galega sempre fomentará o diálogo e a proximidade cos axentes empresariais de Galicia. Pero agardemos".

"En España temos o costume de que cada catro anos, os Gobernos que entran derrogan as leis dos anteriores e cremos que iso é unha mala política, en xeral", afirmou Jorge Cebreiro, como por exemplo a reforma laboral. "Estase a falar de derrogación pero tamén de modificación de certos artigos. De crear un novo estatuto de traballadores, pero afortunadamento isto vaise facer con diálogo. Falar unilateralmente de subas do salario mínimo internacional sen saber se van ser 12 pagas, 14 pagas e se vai aplicar a todos os sectores, territorios e empresas. Iso preocupa".

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra dixo que se está a falar de diálogo, "pero a ultima suba do salario mínimo foi do 22 por cento e nun consello de ministros. Contra iso estamos. Contra a falta de diálogo e os decretos dos venres sociais". 

En canto a economía galega Cebreiro dixo que "Galicia ten dúas claves: o exceso de custo do factor eléctrico, polo que precisamos regulación e tamén nas infraestruturas cos portaxes coa falta de competitividade".

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2020