Jorge Candán e Pilar Barros gañan de novo o mundial de vídeo submarino
The Return, Volver, fala dun futuro próximo en que o home ten que abandonar o planeta despois de acabar con el e de como, transcorridos moitos anos, a Terra, convertida nun océano, logra recuperarse grazas á ausencia dos humanos.
Jorge Candán e Pilar Barros elixiron este tema como argumento do traballo gañador do Campionato Mundial de Vídeo Submarino.
Jorge Candán, ampión mundial de vídeo submarino: "Creo que era bonito contalo a través dun tema pouco realista, pero que si nos mostra unha realidade de como estamos tratando o medio mariño e os ecosistemas en xeral".
Para conseguir a distinción, tiveron que competir cos mellores e traballar contra o reloxo.
Jorge Candán, campión mundial de vídeo submarino: "É unha forma rápida de facer documentais. Hai que mergullarse durante catro inmersións, dúas cada día, e despois tes oito horas para facer a edición".
O esforzo pagou a pena. Grazas a este vídeo gañaron, por segunda vez, o campionato mundial. O recoñecemeno súmase a unha longa lista de distincións que lles dan forza para continuar cun traballo que é moito máis ca iso.
Jorge Candán, campión mundial de vídeo submarino: "O meu soño sempre foi a imaxe submarina, os documentais, contar historias sobre todo de conservación e divulgación do medio mariño e Galicia é un sitio incomparable para isto".
Un soño que grazas a moito traballo e ilusión converteuse nunha realidade.