CRTVG

Buscar

Johnson preside a reunión sobre a COVID-19 no seu retorno ao traballo

Publicado o 27/04/2020 09:24
Johnson preside a reunión sobre a COVID-19 no seu retorno ao traballo

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, preside este luns a reunión habitual sobre a crise da COVID-19, ao reincorporarse ao traballo tres semanas despois de ser hospitalizado ao complicárense os seus síntomas do coronavirus.

Johnson regresou onte á noite á residencia oficial de Downing Street e o seu principal labor agora será avaliar a situación da COVID-19 no Reino Unido para elaborar un plan sobre o desconfinamento, segundo destacan este luns os medios británicos.

O pasado 23 de marzo, o xefe do Goberno pronunciou un discurso ao país para comunicar medidas de confinamento por un período inicial de tres semanas a fin de controlar a propagación da enfermidade, pero ese período foi despois estendido ata o próximo 7 de maio.

Poucos días despois dese discurso, Johnson debeu illarse en Downing Street ao dar positivo na COVID-19, pero ao empeoraren os seus síntomas tivo que ser ingresado no hospital St. Thomas, de Londres, e atendido na unidade de coidados intensivos.

O ministro de Exteriores, Dominic Raab, advertiu o domingo de que o país terá que manter "durante un tempo" as medidas de distanciamento para frear a pandemia, ante a presión que afronta o Executivo para suavizar o confinamento en aras da economía.

Varios deputados conservadores pediron nos últimos días ao Goberno medidas para suavizar o illamento, mentres que a oposición laborista esixe detalles sobre como se irán levantando as restricións.

As últimas cifras oficiais divulgadas o domingo indican que os falecidos en hospitais do país pola  COVID-19 son xa 20.732, tras sumárense outros 413 en 24 horas, a cifra diaria máis baixa rexistrada desde marzo.

Os científicos advertiron do perigo dunha segunda onda sen control de contaxios se se levantan as medidas de confinamento sen controlar primeiro a epidemia no Reino Unido.

O ministro de Economía, Rishi Sunak, informa esta tarde na Cámara dos Comúns sobre o estado da economía, despois de poñer en marcha hai unhas semanas medidas de emerxencia para axudar a empresas e empregados a afrontaren a crise.