CRTVG

Buscar

Johnson asegura que o Reino Unido superou o pico da pandemia

Publicado o 30/04/2020 20:01
Johnson asegura que o Reino Unido superou o pico da pandemia

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, afirmou hoxe que o Reino Unido deixou atrás o "pico" da pandemia de COVID-19, a pesar de anunciar que se rexistraron 674 novas mortes nun día, ata un total de 26.711 falecidos. Na súa primeira conferencia de prensa tras superar el mesmo a enfermidade, o xefe de Goberno avanzou que a próxima semana presentará o plan que guiará a desescalada das medidas de illamento no país cando chegue o momento.

"Podo confirmar que por primeira vez superamos o pico desta enfermidade e estamos na pendente de descenso", declarou Johnson nunha comparecencia desde a súa residencia oficial de Downing Sreet.

O sistema público de saúde británico levou a cabo onte 81.611 probas de COVID-19, fronte ás 52.429 do día anterior, unha cifra que se achega aos 100.000 tests diarios que se comprometeu o Goberno para realizar antes de que terminase o mes.I

Italia conta máis de 205.000 casos e case 28.000 mortos

Italia rexistra hoxe 205.463 casos totais de coronavirus, cun aumento de 1.872 nas últimas 24 horas, nunha xornada en que houbo 4.693 persoas curadas e dadas de alta, a cifra máis alta desde o inicio desta emerxencia sanitaria. Os mortos son xa 27.967, con 285 máis respecto ao mércores, e os casos positivos actuais son 101.551, con 3.106 menos que o día anterior, a maior diminución ata o de agora a pesar de realizarse máis probas de detección. Desde o inicio da emerxencia curaron xa 71.252 persoas, segundo os datos difundidos polo xefe da Protección Civil, Angelo Borrelli, nunha conferencia de prensa. 

Francia rexistra 24.376 mortes por coronavirus tras engadir 289 nun día

Francia rexistrou este xoves 24.376 mortes por coronavirus desde o inicio da epidemia tras engadirse 289 nas últimas 24 horas, indicaron as autoridades, segundo as cales a maior parte da tensión sanitaria localízase no nordés do país. Deses falecementos, 15.244 tiveron lugar en hospitais e 9.132 en residencias de anciáns e centros de dependencia.

Seguen hospitalizadas no país 26.283 persoas por COVID-19, delas 4.019 en unidades de coidados intensivos (UCI), aínda que en ambos casos os saldos entre admisións e altas son negativos, con 551 e 188 pacientes menos nun día, respectivamente. O número total de casos confirmados de coronavirus desde o pasado 1 de marzo elévase no país a 129.481. 

O Brasil pode superar xa os EUA en casos de COVID-19, segundo un estudo

Os infectados polo coronavirus no Brasil poderían superar xa os 1,2 millóns, un número 16 veces maior á cifra oficial e superior ao dos Estados Unidos, o país actualmente máis castigado pola pandemia, segundo un estudo divulgado este xoves, que toma en consideración os casos subnotificados no país. A investigación, realizada polo portal COVID-19 Brasil, que reúne científicos e estudantes de varias universidades brasileiras, apunta que para o 28 de abril o número de casos confirmados da pandemia fluctuaría entre os 957.087 e os 1,49 millóns, sendo 1,20 millóns o número máis axustado.

O mesmo día, as autoridades sanitarias do país apuntaban un total de 73.553 casos, é dicir, unha cantidade 16 veces inferior á estimada por esta investigación. Segundo o último balance divulgado este mércores polo Ministerio de Saúde, O Brasil rexistra oficialmente 5.466 mortes, 449 no último día, e 78.162 casos confirmados de coronavirus.

"Os boletíns oficiais xeralmente están a considerar os casos que sufriron hospitalización" e "os casos asintomáticos ou con síntomas leves, non están suxeitos a probas e non se informan", explicou a Domingo Alves, integrante do grupo e líder do Laboratorio de Intelixencia en Saúde da Facultade de Medicina da Universidade de São Paulo ( USP).

 

Noticias web

30/04/2020