CRTVG

Buscar

Máis de 60 vítimas e 140 feridos tras producirse dúas explosións fóra do aeroporto de Cabul

Publicado o 26/08/2021 22:40

A UE insiste en crear vías seguras ata o aeroporto de Cabul tras o atentado

• Estado Islámico atribúese o ataque | Os talibáns condenan o sucedido

EFE

Dúas explosións producíronse este xoves fóra do aeroporto de Cabul, segundo anunciou o portavoz do Pentágono, John Kirby, mentres a cadea CNN apuntou que hai varios feridos afgáns. Así mesmo, indicaron que podería tratarse dun atentado suicida. Estes datos ofrecidos pola CNN non foron confirmados polo momento polas autoridades.

Ata 60 de persoas faleceron e outras 140 resultaron feridas en dúas explosións fóra do aeroporto de Cabul, onde miles de cidadáns afgáns se atopaban aglomerados tentando saír do país nos voos de evacuación internacionais.

Así o confirmaron fontes oficiais, que tamén informan de que a maioría dos feridos está recibindo atención médica atópanse "en estado crítico", polo que o número de decesos podería aumentar.

Das vítimas mortais, polo menos doce serían soldados de EEUU e outros quince resultaron feridos, segundo informan medios estadounidenses.

Os soldados estadounidenses que quedan actualmente en Afganistán (uns 5.400, segundo datos do mércores do Pentágono) están despregados no aeroporto da capital afgá, mentres os EUA terminan a evacuación dos seus nacionais e colaboradores afgáns do país centroasiático.

O mércores, a Embaixada dos EUA en Afganistán emitiu un aviso advertindo os estadounidenses que non se achegasen ao aeroporto de Cabul por "ameazas de seguridade" fóra dos accesos a esas instalacións. O embaixador en funcións dos EUA en Afganistán, Ross Wilson, dixo este xoves nunha entrevista coa canle de televisión ABC News antes de que se producise a explosión que ditas ameazas son "cribles" e "inminentes".

O domingo, o secretario de Estado, Antony Blinken, advertiu dos crecentes riscos de seguridade a medida que pasan os días en Afganistán. O xefe da diplomacia estadounidense remarcou que o operativo de evacuación ten lugar "nun ambiente hostil nunha cidade e un país agora controlado polos talibáns" e coa m"oi real posibilidade dun ataque do Estado Islámico (EI)". 

EUA asegurou que seguirá coas evacuacións ata a data límite marcada polo presidente Joe Biden o 31 de agosto e que priorizará a saída das tropas que quedan nos últimos dous días.

Unha terceira explosión

Unha terceira explosión tivo lugar en Cabul tras o dobre atentado que deixou decenas de mortos e feridos o aeroporto, onde as forzas internacionais tentan evacuar a miles de cidadáns afgáns e estranxeiros. 

A terceira explosión na cidade foi escoitada por numerosos cidadáns e xornalistas locais, segundo informaron logo as redes sociais, e ocorreu poucas horas despois do ataque no aeroporto internacional de Cabul, aínda que polo momento non hai detalles sobre a magnitude da nova explosión

Os talibáns condenan o ataque

O principal portavoz dos talibáns, Zabihulla Mujahid, asegurou que máis de 50 persoas resultaron feridas e foron trasladadas aos hospitais máis próximos. "O Emirato Islámico (como se fan chamar os talibáns) condena enerxicamente o ataque a civís no aeroporto de Cabul, que tivo lugar nunha zona onde as forzas estadounidenses son responsables da seguridade", dixo en Twitter o portavoz. 

Os talibáns están "a prestar moita atención á seguridade e protección da súa xente, e os responsables serán detidos", asegurou. O presidente do Consello para a Reconciliación Nacional, Abdullah Abdullah, tamén condenou o atentado "que matou e feriu a un gran número de civís. O meu pensamento e as miñas oracións están coas vítimas e as súas familias neste momento difícil". 

EEUU acusa a Estado Islámico

O xefe do Comando Central de EEUU (CENTCOM), xeneral Kenneth McKenzie, atribuíu ao grupo terrorista Estado Islámico (EI) a autoría das dúas explosións e do ataque armado deste xoves contra o aeroporto de Cabul.

Nunha conferencia de prensa no Pentágono, na que interveu telemáticamente, o xeneral dixo que suicidas do EI detonaron bombas fóra do aeroporto, o que foi seguido dun ataque armado

Estado Islámico atribúese o ataque

Despois de que os Estados Unidos acusaran o Estado Islámico de provocar a explosión, o grupo terrorista reivindicou este xoves o sucedido, segundo un comunicado da axencia de información dos radicais difundido polos seus canais de propaganda en Internet.

Os militares españois están ben

Os militares españois que se atopan destacados en Cabul atópanse ben, segundo aseguraron a EFE fontes do Ministerio de Defensa.

Noticias web

26/08/2021