CRTVG

Buscar

Joe Biden asina 17 decretos ao chegar á Casa Branca

Publicado o 21/01/2021 08:51

Xa en campaña dixera que era urxente cambiar o rumbo das políticas dos Estados Unidos e sentado no Despacho Oval, Joe Biden anunciaba que ía comezar levando a cabo o que lle prometera aos norteamericanos.

Biden marca as liñas mestras do seu mandato e inicia a presidencia asinando 17 ordes executivas para desmontar todo o que montara Donald Trump. E como a loita contra o coronavirus vai capitalizar estes primeiros día o seu mandato, o primeiro decreto que firmou obriga ao uso da máscara e da distancia social en propiedades federais e viaxes interestatais. Outro xiro de temón xa anunciado: o presidente confirma a volta dos Estados Unidos ao Acordo de País contra o cambio climático e paraliza a saída da Organización Mundial da Saúde que ordenara Trump e que se ía facer efectiva en xullo. O doutor Anthony Fauci dirixirá a delegación dos Estados Unidos na OMS desde hoxe.

A inmigración será asunto prioritario da presidencia Biden para darlle un xiro totalmente oposto á política dos últimos anos. O novo presidente asinou seis decretos: para levantar o veto migratorio imposto por Trump aos viaxeiros procedentes de 11 países de maioría musulmana, para protexer aos chamados 'dreamers', soñadores, e aumentar o financiamento do programa DACA para inmigrantes chegados cando eran nenos, para despexar o camiño á cidadanía para máis de 11 millóns de inmigrantes documentados. Tamén suspende durante cen días algunhas das deportacións de cidadáns indocumentados e pon fin á construción do muro con México, no que tanto empeño puxera Trump. Unhas decisións moi ben recibidas polas autoridades mexicanas.

Biden tamén asinou unha orde para extender unha moratoria sobre os desaloxos e as execucións hipotecarias de vivendas, reafírmase na loita contra o racismo sistémico e vai prohibir a discriminación laboral baseada na orientación sexual.

Noticias web

21/01/2021