CRTVG

Buscar

Joe Biden amplía o seu triunfo e Trump prepara outra ofensiva xudicial

Publicado o 08/11/2020 21:15

Son as útimas imaxes divulgadas de Joe Biden, acudindo a misa esta tarde nunha igrexa católica en Delawere na compaña da súa filla Ashley e dun neto. Biden será o segundo presidente católico da historia estadounidense, tras John Fitzgerald Kennedy.

De madrugada, entre a euforia do triunfo, deixaba unha mensaxe de conciliación a prol de curar as feridas na política e na sociedade dos Estados Unidos: "Son un demócrata orgulloso, pero gobernarei como presidente estadounidense. Traballarei tan duro polos que non votaron por min como polos que si que o fixeron. Que esta sombriza era de demonización nos Estados Unidos comece a rematar aquí e agora".

No mesmo acto, Kamala Harris asegurou que será a primeira pero non a última vicepresidenta dos Estados Unidos. Despois das celebracións nas rúas das principais cidades do país, o reconto electoral segue sen rematar. Un aspecto significativo é que aínda non están totalmente definidas as maiorías no Congreso e no Senado, que van determinar se Biden poderá gobernar comodamente ou non. Se os republicanos consolidan a súa maioría na Cámara Alta, o labor do presidente demócrata complicaríase significativamente.

Mentres, Donald Trump saía esta tarde de novo cara a un campo de golf. Na política xoga unha partida á desesperada para tentar evitar a derrota. Este luns iniciará outra ofensiva xudicial. O obxectivo é que a historia dos últimos dous días dea marcha atrás e manter as opcións presidenciais. Nalgúns estados seguen congregándose os seus seareiros abonados á teoría da fraude, pero a realidade é que os seus aliados mediáticos ata esta semana xa albiscan un novo tempo na política estadounidense e dan esa partida practicamente por perdida.

Noticias web

08/11/2020