CRTVG

Buscar

Joan Pons, voluntario da vacina de Oxford: "É o primeiro caso en 30.000 que necesita asistencia médica"

Publicado o 10/09/2020 09:59

A aparición dunha inflamación da medula espiñal dun dos voluntarios da vacina de AstraZeneca detivo o proceso de subministración de doses ás persoas voluntarias no estudo. Este tipo de situacións son frecuentes no procedemento habitual para obter fármacos seguros.

Hoxe falamos no Bos días con Joan Pons, voluntario da vacina de Oxford contra a COVID−19, quen fixo fincapé na cotiandade deste tipo de contratempos: "É normal, somos máis de 30.000 voluntarios (...), é o primeiro caso en 30.000 que necesita asistencia médica".

Pons, que exerce profesionalmente de enfermeiro dende hai máis de dúas décadas, transmitiu unha mensaxe de calma e de confianza cara á vacina, que "será absolutamente segura".

"En 23 anos de carreira como enfermeiro, nunca vin un estudo dun fármaco que non parase para ver se algún síntoma dos voluntarios ten que ver coa vacina ou co fármaco", asegurou.

Agradece a transparencia no procedemento, imprescindible para dar seguridade, pois "non se crebarán os protocolos", explicou Pons.

A vacina segue adiante

Aínda que se detiveron os ensaios clínicos, a carreira de Oxford por obter unha vacina eficaz contra a covid−19 segue en marcha. O resto de investigacións e o seguimento da evolución dos voluntarios continúa o seu curso.

Noticias web

10/09/2020