CRTVG

Buscar

Joan Pons, voluntario da vacina de Oxford: "É moito máis barata, fácil de transportar e almacenar"

Publicado o 23/11/2020 10:23

A vacina de Oxford e AstraZeneca alcanza en cifras globais un 70% de efectividade. Un dato que enche de optimismo e esperanza ao mundo, anunciando, se todo vai ben, o prinicipio da fin da covid-19. Para entender mellor as implicacións e os detalles da vacina de Oxford, que se suma ás de Pfizer e Moderna na punta de lanza desta loita, falamos no Bos días con Joan Pons, voluntario da mesma.

Efectividade do 90%

Pons amósase con optimismo e destaca que a vacina de Oxrford conta con case tanta efectividade coma as demais. Durante a fase tres da vacina de Oxford probaron a subministración en catro grupos con distintos calendarios de vacinación e diferente distribución no tempo das doses, dando unha media global de efectividade do 70 %.

Mais, como explica Pons, "se vemos o grupo de 28 días de separación, a efectividade é dun 90 %". E isto é especialmente relevante, pois é a loxística que se prevé seguir na súa fase catro, o que fai desta vacina, a ollos de Pons, estar á altura das demais.

"Funciona en todas as idades", o cal tamén é un punto positivo.

Máis accesible

Outro dato que destaca Pons é a accesibilidade da vacina. A diferenza das outras, non precisa de temperaturas extremadamente baixas, mentres que Pfizer necesita manterse por debaixo dos 70º e a de Moderna, sobre os -20º. Deste xeito, pode empregar as mesmas canles de distribución que coas vacinas da gripe, segundo indica Pons. Ademais, o custo aproximado é moito menor. "A de Oxford só custa 3 €, a de Moderna, 30 €", comenta.

Incide, sobre todo, na importancia de que todo o mundo confíe na ciencia e colabore na erradicación do virus. "Fai falta un esforzo moi grande (..) para concienciar de que a única maneira de acabar co virus é coa vacina".

Noticias web

23/11/2020