CRTVG

Buscar

Jeanine Áñez asume a presidencia de Bolivia e Evo Morales fala de "golpe consumado"

Publicado o 13/11/2019 13:45

A dereitista Jeanine Áñez, vicepresidenta segunda do Senado, foi designada primeiro presidenta da Cámara -dimitidos os máximos cargos- e despois declarouse presidenta interina. Foi nunha reunión da Asemblea Lexislativa que se celebrou sen quórum, sen o número mínimo de parlamentarios esixido, ó non acudiren os da forza maioritaria, o MAS de Evo Morales.

Pero o Constitucional avalou a proclamación porque se fixo en virtude dun artigo da Carta Magna que o permitiría en ausencia do presidente -exiliado en México- tendo en conta que o Parlamento aínda non se pronunciou sobre a súa carta de renuncia. Di que a súa intención é convocar eleccións canto antes.

O presidente dimisionario reaccionou vía Twitter denunciando ante a comunidade internacional que a autoproclamación "viola a Constitución e as normas internas da Asemblea Lexislativa" e asegurando que "se consuma o golpe de Estado máis nefasto da historia". Fíxoo desde México onde, como lles contamos onte, lle deron asilo por razóns humanitarias.

Van xa 23 días de conflito social e enfrontamentos no país, con polo menos sete mortos, segundo o último balance da Fiscalía Xeral.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí