Jealsa recibe a primeira certificación MSC de pesca sustentable para atún claro no océano Atlántico
O grupo galego Jealsa recolleu esta mañá a primeira certificación MSC de pesca sustentable para atún claro no océano Atlántico. Este recoñecemento confirma que a pesqueira está ben xestionada e que salvagarda os recursos mariños.
A fábrica de Jealsa en Boiro, onde está a sede principal do grupo, acolleu o acto de entrega da certificación. Os responsables da empresa recibiron de mans da conselleia do Mar o selo MSC de pesca sustentable, que chega tras 18 meses de traballo intenso.
Jesús M. Alonso, presidente da corporación Jealsa: "O que significa é que somos pioneiros en certificar a pesca de atún rabil, o que en España chamamos comunmente atún claro, no océano Atlántico".
O grupo ten a intención de continuar por este camiño e comprométese a incrementar as certificacións.
Ángeles Claro, directora de Sustentabilidade de Jealsa: "A nosa idea é aumentar as especies certificadas de MSC dentro da nosa variedade e na frota certificar o 100% das nosas capturas".
A conselleira do Mar celebrou esta aposta pola sustentabilidade.
Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Non só mellora a imaxe dos nosos empresarios senón que mantén Galicia como líder da pesca sustentable, da boa elaboración da materia prima que chega ás nosas plantas e dunha garantía de calidade para os consumidores".
Quintana agarda que moitas empresas copien este modelo sustentable.