Condenan a 13 anos de prisión a Javier Miñones, o veciño de Vimianzo que acoitelou a exparella
Condenado a 13 anos de cárcere o home que tentou matar a súa exparella en Vimianzo. O agresor deulle varias puñaladas á vítima nas oficinas de Unións Agrarias onde traballaba. Ademais, non poderá achegarse, comunicarse nin residir no mesmo concello que a muller durante 15 anos. Javier Miñones Trillo deulle cinco coiteladas a Montse no pescozo. O tribunal considera que entrou nas oficinas de Unións Agrarias decidido a acabar coa vida da que fora a súa parella durante dous anos.
Levaba un coitelo de cociña agochado entre a roupa. Foi cedo porque sabía que a súa vítima ía estar soa. Levaba unha maleta que quedara en devolverlle, polo que a muller non sospeitou. Foi entón cando se botou enriba dela por sorpresa, tirouna ao chan e comezou a acoitelala arredor da xugular. A vítima no xuízo declarou: "Eu defendinme todo o que puiden. Vin que non era capaz fisicamente. Incluso lembro que lle dixen: 'Cariño, cariño, tranquilízate, imos falalo, isto aínda o podemos solucionar'".
Unha persoa que pasaba por fóra das oficinas escoitou os berros e entrou. Nese momento o asasino descuberto deixou a vítima, que puido saír das oficinas, onde quedou desmaiada e el fuxiu. A condena é por asasinato en grao de tentativa, xa que o tribunal entende que o falecemento non se produciu polo que recibiu e vítima e impuxéronlle 13 anos de cadea, 15 de desterro, 7 anos de liberdade vixiada e unha indenmización de 30.500 euros polas secuelas físicas e psíquicas que lle deixou á súa vítima. Esta condena pode recorrerse no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.