CRTVG

Buscar

Gómez Noya e Pablo Dapena pechan un histórico dobrete para o tríatlon galego

Publicado o 04/05/2019 20:00

• Primeiro e segundo posto para os triatletas galegos en Pontevedra

• Saleta Castro, novena clasificada na proba feminina

Os últimos metros da carreira de Javi Gómez Noya pasando por diante da Peregrina transmiten a imaxe dun home convertido en mito. Foi emocionante a admiración que lle trasmitiron milleiros de seareiros pontevedreses que adoptaron como seu a este ferrolán de palmarés case inabarcable. Sen ser a distancia que está a preparar este ano, non deu opción. Mandou na auga, contivo aos máis fortes en bicicleta e na carreira puido moi axiña co rival máis temible, Terenzo Bozzone.

Javi Gómez Noya salientou que este carreira "era unha empresa complicada despois de competir nas Bermudas a semana pasada, unha distancia moi diferente, con rivais moi diferentes, unha longa viaxe. Pero ben, tamén competir na casa da ás e puiden sufrir, puiden loitar e dar o mellor de min mesmo para gañar".

Pablo Dapena, consciente de que non podía incomodar o campión, instalouse nun segundo posto máis que satisfactorio, a pesar de non poder repetir o título do pasado ano. Non deixou mans sen saudar o pontevedrés antes da súa chegada a meta.

Pablo Dapena recoñeceu que "se o ano pasado foi un gran día, hoxe sen dúbida moito mellor que o ano pasado, aínda que quedara o segundo. Houbo moitos problemas, en 2015 case o deixo, ao final liáronme para volver, para empazar a adestrar e despois dunha operación volvín e ao final decidín facer un pouco de media distancia, pouco a pouco fun medrando e mira, o ano pasado campión do mundo e este ano segundo".

Na proba feminina tamén houbo dobrete. Despois da belga Torneur chegaron as catalás Judit Corachán e Anna Noguera, que trasmitiron na súa chegada a enorme emoción do triunfo logo de seis hporas de esforzo. Tamén verteu bágoas Saleta Castro. A pontevedresa festexou na casa o seu obxectivo cumprido, o de rematar entre as dez primeiras. Ao final foi a novena.

Saleta Castro salientou a emoción de ver "todo cheo de público e de xente que sabía o meu nome, que me estaba animando. A verdade é que pelos de punta, aguantando as ganas de chorar toda a cerreira a pé ata os últimos quilómetros nos que xa o puiden gozar".

O outros representante galego, Gustavo Rodríguez, concluíu no posto doce.

 

- Podes consultar aquí as clasificacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/05/2019