CRTVG

Buscar

Javier Díez Ponce: "Síntome orgulloso do Servizo de Gardacostas. Estamos ben cubertos"

Publicado o 30/08/2019 10:35

Salvar vidas, estar no lugar en que necesitamos a súa axuda, a súa experiencia profesional. En moitos casos, estes profesionais poñen en risco a súa propia vida porque ese risco se asume como unha obriga. 

Se alguén sabe diso é Javier Díez Ponce, que pasou 29 anos da súa vida realizando ese traballo no Servizo de Gardacostas de Galicia a bordo dun dos seus helicópteros. O 28 de xullo pasado foi o seu derradeiro día de traballo.

"En realidade é como que estou de vacacións. Non o teño moi asumido. A ver que pasa a partir de agora", explicou este venres no estudio do Bos días.

Na conversa con Fran López Iglesias relatou como comezou neste mundo dos rescates: "No meu caso sempre me gustaron os traballos ao aire libre, e se teñen un pouco de acción, mellor. Traballando en Vixilancia Aduaneira faláronme disto, e decidín probar".

"Hoxe en día cambiaron as cousas, pero creo que o fundamental daquela era estar metido no mundo do mar, coñecelo ben, nadar ben, ser mergullador ou coñecementos, ter cursos de salvamento... Un pouco de todo o relacionado co mar. Ata aquel momento só se contrabatan rescatadores do SAR, militares, e naquela época comezamos a entrar outras persoas que reuniamos estas condicións", explicou Javier.

Cando se lle pregunta polas peores condicións para traballar, se o mar bravo ou o vento forte, explica que "o peor é que estea todo combinado, pero para o traballo específico do helicóptero o vento dá sustentación, potencia, polo que en principio non é problema, pero o malo é que o vento tamén move o mar, porque nós non nos movemos, pero si o barco ou a persoa que tes que rescatar que está no mar".

Se ten que recordar un dos moitos rescates que realizou Javier, di que "cada un ten a súa complicación. Pola cantidade de traballo foi o Prestige, porque se alongou moito, pola contaminación, as manchas, o seguimento do barco ata que partiu e todo o traballo posterior".

"Aquel foi un dos peores temporais que recordo. De feito, ese día antes do Prestige saímos a dous rescates, que logo xa ninguén recorda, porque o Prestige o tapou todo. Había un mar moi grande e moito vento. Nun momento tivemos que estar parados no aeroporto esperando para engalar porque había unha forza do vento de 60 nós. E a vantaxe é que era de día e o barco grande".

Do traballo nestes anos, centos de rescates, e de todo tipo: "Vai por temporadas. No verán chaman moito para embarcacións que quedan ao pairo, ou nas praias nas que desaparece alguén. Non adoitan ser accidentes graves. No inverno, cos temporais, chaman dos pesqueiros; agora hai menos, porque a xente arrisca menos e é máis consciente. E logo chaman moito de transatlánticos cando pasan polas costas para evacuar pasaxeiros que se poñen malos. Hai de todo".

E aínda que poida parecer raro, a relación coa persoa rescatada é moi escasa: "Realmente non adoitan falar moito. Están sorprendidos, expectantes,-conta Javier-, e non adiota haber comunicación despois do rescate. Están moi agradecidos no momento, pero nada máis".

Para Javier, o traballo que se fai desde Galicia é dos mellores: "Eu síntome orgulloso do Servizo de Gardacostas galego, por experiencia, porque estamos afeitos a este mar, polo que sexa. Estamos ben cubertos".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí