CRTVG

Buscar

Javier de la Fuente: "Desde o ano 2000 multiplicouse por cinco a taxa de contaxios de enfermidades de transmisión sexual"

Publicado o 02/08/2019 11:08

Os últimos datos, tanto da OMS como do Ministerio de Sanidade, falan de que aumentan as enfermidades de transmisión sexual. Javier de la Fuente, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna, explicou este venres no estudio do Bos días que "desde o ano 2000 multiplicouse por cinco a taxa de contaxios".

"Hai circuntancias que o favorecen: a baixa percepción do risco, tecnoloxías que favorecen contactos de relacións sexuais esporádicas, e con prácticas de risco como é mesturar o sexo con drogas", explica o doutor De la Fuente.

Unha das explicacións vese claramente co caso da sida. "Houbo unha época en que ter unha infección de VIH tiña un risco de mortaldade, pero hoxe converteuse nunha enfermidade crónica, e esta percepción que se tiña asociada á sida perdeuse", asegura.

A baixa percepción do risco reflíctese no descenso do uso do condón: "Nestas relacións de risco, o uso do preservativo brilla pola súa ausencia", afirma Javier de la Fuente. 

"A clamidia é a enfermidade de transmisión sexual máis común", explicou, e neste caso e noutras moitas destas enfemidades "os síntomas confúndense cos doutras e por iso, ás veces, tárdase en diagnosticar".

A prevención é a principal forma de evitar contaxios e, para iso, asegura o doutor De la Fuente, "a primeira mensaxe é a da utilización do preservativo e a segunda, a educación". "Non se poden vanalizar as enfermidades, hai que facer un labor de concienciación", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí