CRTVG

Buscar

Javi Gómez Noya fala da súa adaptación a Toquio: "A temperatura da auga será duns 29 graos, dous graos de diferenza nótanse moito"

Publicado o 22/03/2021 14:52

• O triatleta galego fai 38 anos o próximo xoves

Javier Gómez Noya fai 38 anos este xoves. En Toquio buscará o ouro olímpico, o único título que lle falta, con máis anos (uns sete máis de media) que a camada de mozas que lidera o tríatlon. Pero tamén con máis experiencia, esa que, di, está a axudarlle a manexar a ansiedade. A da pandemia, e a do achegamento á cita olímpica. Celebra, o cinco veces campión do mundo, que finalmente leven a cabo os Xogos –marzo é a data límite que fixou o COI para unha eventual segunda cancelación- aínda que sexa con restricións de público. Non haberá visitantes estranxeiros e o comité organizador decidirá en abril que facer cos nacionais.

"Para os deportistas o importante é que vaia a haber competición, aínda que sexa sen público. Estamos a desexar competir", dixo este luns pola mañá o triatleta na inauguración dunha oficina-cafetería do Banco Santander en Vigo.

Gómez Noya aparca o Ironman e volve á distancia olímpica para Tokio. Os Xogos de Toquio 2020 non permitirán visitantes estranxeiros. 

Chegou a toda carreira, tras a sesión matutina de natación, e anunciou que en abril irá concentrado un mes a México, á illa de Cozumel, para buscar as mesmas condicións climáticas que haberá en Toquio durante os Xogos. A proba de tríatlon masculino está fixada para o 26 de xullo ás 6.30 da mañá.

"Cozumel é Caribe con calor e humidade, o que buscamos. Un lugar tranquilo onde xa estiven adestrando e competindo. En función de como vaia a concentración de abril, a idea é volver repetila antes dos Xogos". "A temperatura da auga será duns 29 graos, dous graos de diferenza nótanse moito", engadiu.

Noticias web

22/03/2021